12 mar 2026

RECANTO VIOLETA.

Este ano, o equipo da biblioteca deu un paso máis no noso compromiso coa igualdade e coa educación en valores creando un espazo permanente pensado para inspirar, visibilizar e reflexionar: o Recanto Violeta. 

Trátase dunha sección na que o alumnado poderá atopar unha coidada selección de obras arredor do universo feminino: libros que narran historias de mulleres valentes e transformadoras, obras escritas por autoras de distintas épocas e estilos, así como contos tradicionais revisados desde unha ollada crítica que nos convida a cuestionar estereotipos e descubrir novas perspectivas.

 O Recanto Violeta nace para converterse nun punto de encontro coa palabra, coa reflexión e co diálogo; un espazo que fomente a lectura consciente e contribúa a construír unha comunidade educativa máis xusta e igualitaria.

 E que mellor data para inaugurar esta iniciativa ca o 8 de marzo, Día Internacional da Muller? Nesta xornada de reivindicación e memoria, abrimos oficialmente este recuncho que aspira a medrar cada día co interese e a curiosidade do noso alumnado.



5 mar 2026

UN NOVO RECUNCHO PARA MEDRAR ENTRE LIBROS.

Unha das accións máis significativas levadas a cabo na nosa biblioteca escolar este curso foi a creación dun recuncho específico destinado ao alumnado de Educación Infantil. Esta iniciativa naceu coa vontade de fomentar o achegamento á lectura desde idades temperás e de consolidar a biblioteca como un espazo accesible e integrador para toda a comunidade educativa.

O novo recuncho foi concibido como un espazo axeitado ás necesidades desta etapa: cómodo, acolledor, motivador e plenamente funcional. Dotouse de mobiliario adaptado á súa estatura, alfombras e coxíns que favorecen unha estancia agradable, para que os máis pequenos e pequenas gocen con libros acordes aos seus intereses e ao seu nivel madurativo. A disposición dos materiais facilita a autonomía, permitindo que as nenas e os nenos poidan escoller, manipular e recoller os exemplares con facilidade.

Esta reorganización contribúe a que o alumnado de Infantil faga un uso máis continuado e natural da biblioteca escolar, integrándoa nas súas rutinas habituais. Así, a lectura convértese nunha experiencia cotiá vinculada ao pracer, á curiosidade e ao descubrimento, asentando as bases dun hábito lector sólido desde os primeiros anos.

Con esta actuación reafirmamos o noso compromiso coa dinamización da biblioteca escolar como eixo vertebrador das actividades do centro e como ferramenta fundamental para o desenvolvemento competencial e emocional do noso alumnado. Seguimos a traballar para que cada recuncho da escola sexa unha oportunidade para aprender e medrar.

CON M DE MULLER.

Chega o mes de marzo, un mes cunha connotación en feminino. No CEIP López Ferreiro e, en particular, desde a Biblioteca Escolar, estamos moi comprometidos coa coeducación. Marzo é tamén o mes no que celebramos o Día Internacional da Muller, unha data que nos lembra a importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A través de todas as actividades que levamos a cabo, tentamos que todos e todas as persoas que formamos parte da comunidade educativa aprendamos a sentir en feminino: a valorar, respectar e recoñecer o papel das mulleres na historia, na ciencia, na arte, na literatura e na vida cotiá.

Na nosa biblioteca contamos cunha coidada selección de libros que tratan sobre mulleres, escritos por mulleres ou que nos ensinan a mirar máis aló das aparencias e dos estereotipos. Historias de superación, contos que rompen moldes, biografías inspiradoras e relatos que nos axudan a construír unha mirada máis crítica e igualitaria.

Neste mes quixemos darlles aínda máis protagonismo a estas lecturas, creando espazos destacados na biblioteca e recomendacións especiais para cada nivel. O noso obxectivo é animar ao alumnado a descubrir novas voces, novos referentes e novas maneiras de entender o mundo.

Ademais, o reto lector deste mes ten que ver con libros de mulleres! Convidamos a todo o alumnado a participar, a compartir as súas impresións e a deixar por escrito as súas recomendacións. Porque ler tamén é unha forma de transformar a realidade.

Desde a Biblioteca Escolar do CEIP López Ferreiro seguimos apostando por unha educación en igualdade, onde cada letra conte e cada historia sume.

Con M de Muller, con M de Marzo… e con M de Moito por facer xuntas e xuntos.


ENCONTRO LECTOR.

Grandes momentos compartidos nun novo Encontro Lector 

O pasado xoves 26 de febreiro ás 17:00, celebramos unha magnífica xornada de lectura na biblioteca coa participación das familias, do alumnado e do profesorado responsable da actividade. O encontro constituíu un auténtico éxito grazas á participación e ao entusiasmo demostrado por todos e todas as asistentes.

Compartimos e analizamos “Grande e Pequena”, de Arianna Squilloni e Raquel Catalina, unha obra galardoada que nos achega á natureza e á reflexión sobre o paso do tempo. As nenas e os nenos amosáronse fascinados coa historia e participaron activamente na posta en común das súas impresións e interpretacións.

A continuación, o grupo de lectoras e lectores autónomos protagonizou unha enriquecedora tarde de análise e aprendizaxe arredor da novela “Trampa de Lume”, de Núria Martí Constans. Afondamos no incendio da fábrica Triangle en Nova York no ano 1911 e reflexionamos sobre a relevancia histórica dos movementos en defensa dos dereitos laborais das mulleres. Resultou especialmente satisfactorio comprobar o interese suscitado e a calidade das intervencións do alumnado.

Finalmente, as familias lectoras abordaron “A Praza do Diamante”, de Mercè Rodoreda, unha das obras máis salientables da literatura catalá e española. A historia de Natalia durante a guerra civil e a posguerra provocou fondas emocións e deu pé a unha reflexión compartida sobre a dureza daquela etapa histórica. O diálogo desenvolveuse nun clima de respecto e sensibilidade, favorecendo unha conversa profunda e enriquecedora.

En definitiva, tratouse dunha xornada altamente proveitosa, caracterizada pola implicación colectiva e polo excelente ambiente de convivencia. A experiencia resultou especialmente significativa por servir como punto de partida das conmemoracións do 8M. Sen dúbida, continuaremos promovendo iniciativas que fomenten o hábito lector e o intercambio cultural na nosa comunidade educativa.

Queremos expresar un agradecemento moi especial a Maricarmen Montero, antiga mestra e directora do noso centro, pola súa presenza, apoio e compromiso constante coa vida cultural e educativa da escola. A súa participación supuxo unha honra e un estímulo para toda a comunidade.

O noso máis sincero agradecemento ás familias, ao alumnado e ao profesorado pola súa colaboración e compromiso coa lectura compartida. Ata a próxima!


ENTRE FLORES E VERSOS FEBREIRO CON ROSALÍA.

Febreiro é o mes no que celebramos a Rosalía de Castro, a muller que lle deu voz e dignidade á nosa lingua, lembrando o aniversario do seu nacemento. Ela mesma cantaba: “Nasin cando as prantas nasen, no mes das flores nasin”, versos que latexan cada ano con máis forza cando chega este tempo.

Desde a Biblioteca Escolar quixemos renderlle a nosa particular homenaxe, arrodeándoa simbolicamente dunha chea de flores, como se cada unha delas fose unha palabra agradecida pola súa obra e polo seu legado. A súa poesía segue a emocionarnos e a ensinarnos a mirar o mundo con sensibilidade, compromiso e amor pola terra.

O día 23, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o servizo de comedor escolar, serviuse o emblemático “caldo de gloria”, ao que canta Rosalía nun dos seus poemas, convertendo a xornada nunha experiencia literaria e tamén gastronómica. Foi unha maneira fermosa de achegar a poesía á vida cotiá e de saborear, literalmente, a nosa tradición.

Ademais, o alumnado de sexto de Educación Primaria tivo a oportunidade de realizar un “Roteiro Rosaliano” polos lugares da cidade vencellados á autora, descubrindo espazos que gardan a súa memoria e afondando na súa figura. Visitamos o Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada; a estatua de Rosalía na Parque da Alameda; algúns dos lugares onde viviu na cidade; o barrio de Santo Agostiño; e o Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os seus restos. Cada parada foi unha oportunidade para coñecer mellor á escritora e comprender a fonda pegada que deixou en Compostela e en Galicia enteira.

Nesta actividade contamos coa inestimable colaboración da nosa querida Maricarmen Montero, mestra e directora do noso centro durante anos, e que segue moi vencellada a el. A súa sabedoría e entusiasmo fixeron do roteiro unha experiencia inesquecible.

Cómpre lembrar que Rosalía foi chamada “a Musa dos pobos” por Manuel Curros Enríquez, un título que segue a definila á perfección: voz do pobo, conciencia crítica e símbolo da nosa identidade.

Moitas grazas, Maricarmen, por acompañarnos e por seguir sementando amor pola nosa cultura.

Porque en febreiro, máis ca nunca, celebramos que a nosa lingua teña voz de muller. E esa voz chámase Rosalía.



XA CHEGOU A MALETA VIAXEIRA!

Esta semana recibimos con moita ilusión na nosa biblioteca a Maleta Viaxeira do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), un recurso educativo cheo de sorpresas e aprendizaxes.

A maleta trae unha fantástica selección de libros sobre natureza, ecoloxía e medio ambiente, pensados para espertar a curiosidade e o amor polo noso planeta desde as primeiras idades.

O alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria xa comezou a mergullarse nestas lecturas tan especiais. A través de contos, álbums ilustrados e libros informativos, están a descubrir a importancia de coidar a natureza, respectar os animais e protexer o medio ambiente.

Este tipo de iniciativas enriquecen a nosa biblioteca e axudan a fomentar valores fundamentais como a responsabilidade, o respecto e o compromiso coa contorna. Ademais, a lectura convértese nunha viaxe apaixonante que nos leva a coñecer mellor o mundo que nos rodea.

Seguiremos compartindo convosco as experiencias e aprendizaxes que vaian xurdindo arredor desta marabillosa maleta.

 Grazas ao CEIDA por achegarnos este recurso tan valioso!


O pasado 28 de xaneiro, algún membro do equipo de biblioteca do centro participaron nunha xornada formativa organizada pola asesoría de bibliotecas escolares.

A presentación correu a cargo de Manuel Rodríguez Calviño, quen nos achegou saberes moi interesantes acerca da tradición téxtil da nosa comunidade, axudándonos a comprender mellor o valor cultural, histórico e social destes oficios e o seu potencial como recurso educativo.

Esta formación resultou moi enriquecedora e práctica, xa que nos permitiu coñecer novas propostas para dinamizar a biblioteca e convertela nun espazo aínda máis vivo, creativo e participativo. Ao longo da sesión compartíronse experiencias doutros centros, ideas para fomentar o gusto pola lectura e estratexias para integrar a biblioteca no día a día das aulas.

Falouse tamén da importancia de crear comunidade lectora: alumnado, profesorado e familias formando parte dun mesmo proxecto. Levamos moitas ideas para aplicar no colexio: actividades de animación lectora, recomendacións entre iguais, propostas de escritura creativa e novas formas de organizar os espazos para facelos máis acolledores.

Nos vindeiros meses iremos poñendo en práctica todo o aprendido. A nosa biblioteca segue medrando e enchéndose de vida!










Seguide atentos… pronto haberá novidades...