18 sept. 2018

COMEZAMOS UNHA ETAPA MÁIS: A LECTURA TEN MOITAS MIRADAS


Pouco a pouco o curso 2018-19 xa está andando. E, como non podía ser doutro xeito, tamén a biblioteca, centro de recursos do centro para os diferentes proxectos, e lugar de encontro para dinamizar a práctica lectora.

 Algunhas prácticas xa están asentadas, e forman parte das rutinas de lectura que cada ano se ofertan. Por exemplo, os nosos encontros lectores, nos que o alumnado e as súas familias opinan e debaten a partires das características dun libro.
 Nalgunhas ocasións, temos a oportunidade de comentar coas autoras as súas obras. Así, o curso pasado recibimos a dúas membros da nosa comunidade educativa que nos presentaron as súas novidades editoriais: Rosa Aneiros, explicounos o proceso de creación de A batalla da pequena Chañán Curi Coca; e Montse Pena Presas, quen a partires do seu libro, A voz insurrecta, fíxonos entender a obra e a biografía de María Victoria Moreno doutro xeito.

E ese será o obxectivo do noso Proxecto Documental Integrado para este curso: coñecer como a lectura pode ter moitas miradas... Por iso traeremos ás aulas a publicidade.

 

3 sept. 2018

RESUMO DAS ACTIVIDADES PROMOVIDAS POLA BIBLIOTECA NO CURSO 2017-18

UN FIN DE CURSO INVESTIGANDO

Unha das adquisicións prioritarias para a nosa biblioteca este curso, era o material dixital.

Con TICTURA, fixemos unha viaxe pola evolución das casas. O proxecto sobre A Casa foi precisamente un dos proxectos traballados polo alumnado de Infantil, para o cal os/as arqueólogos/as deste equipo elaboraron o material e fixeron un obradoiro. O alumnado puido achegarse aos compoñentes que  utilizaban na prehistoria e nas civilizacións antigas para construír as vivendas. Con este material, adquirido, xunto con outros, pola biblioteca, as  nenas e os nenos de educación infantil conseguiron investigar e coñecer os principios da arqueoloxía.







LETRAS GALEGAS 2018




O curso 2017-18 foi tamén o de María Victoria Moreno. Desde a biblioteca de Lulu quixemos celebralo:

  • Desde o mes de febreiro, o alumnado que visitaba a biblioteca podía participar, voluntariamente, nun concurso sobre a vida e a obra de Mª Victoria Moreno. Ao tempo, distribuímos as bolsas das Letras Galegas para que houbera lectura compartidas coas familias.




  • A finais de maio, no centro celebramos os Maios e As Letras Galegas. E aproveitouse a ocasión para entregar os agasallos ás premiadas e aos premiados.









  • Como remate do noso club de lectura, tivemos a honra de que nos visitara Montse Penas, autora da biografía de Mª Victoria Moreno A voz insurrecta. Con Montse comentamos e coñecemos aspectos moi interesantes e descoñecidos da escritora homenaxeada.




    • E para rematar as nosas actividades das Letras Galegas e da biblioteca, o alumnado de 4º de Educación Infantil, representou para as familias unha adaptación de A festa no faiado.
    A FESTA NO FAIADO (celebrada na biblioteca) on PhotoPeach