15 oct. 2018

RADIO ESCOLAR E MOCHILAS VIAXEIRAS.

O curso pasado puxemos en marcha a nosa radio escolar. Este ano seguiremos creando producións, pero necesitamos un logotipo que identifique á nosa emisora: Lulu nas ondas.

 Moitas nenas e nenos do centro presentaron as súas propostas, e agora toca escoller entre as seleccionadas. Para iso, poderedes votar ata o día 24 de outubro, Día das bibliotecas, no que saberemos que logo identificará á nosa radio.

 Grazas por participar!




E para as casas de infantil e de primaria, xa empezaron a rular as mochilas viaxeiras.
Levarán sorpresas? A gozar en familia!

18 sept. 2018

COMEZAMOS UNHA ETAPA MÁIS: A LECTURA TEN MOITAS MIRADAS


Pouco a pouco o curso 2018-19 xa está andando. E, como non podía ser doutro xeito, tamén a biblioteca, centro de recursos do centro para os diferentes proxectos, e lugar de encontro para dinamizar a práctica lectora.

 Algunhas prácticas xa están asentadas, e forman parte das rutinas de lectura que cada ano se ofertan. Por exemplo, os nosos encontros lectores, nos que o alumnado e as súas familias opinan e debaten a partires das características dun libro.
 Nalgunhas ocasións, temos a oportunidade de comentar coas autoras as súas obras. Así, o curso pasado recibimos a dúas membros da nosa comunidade educativa que nos presentaron as súas novidades editoriais: Rosa Aneiros, explicounos o proceso de creación de A batalla da pequena Chañán Curi Coca; e Montse Pena Presas, quen a partires do seu libro, A voz insurrecta, fíxonos entender a obra e a biografía de María Victoria Moreno doutro xeito.

E ese será o obxectivo do noso Proxecto Documental Integrado para este curso: coñecer como a lectura pode ter moitas miradas... Por iso traeremos ás aulas a publicidade.

 

3 sept. 2018

RESUMO DAS ACTIVIDADES PROMOVIDAS POLA BIBLIOTECA NO CURSO 2017-18

UN FIN DE CURSO INVESTIGANDO

Unha das adquisicións prioritarias para a nosa biblioteca este curso, era o material dixital.

Con TICTURA, fixemos unha viaxe pola evolución das casas. O proxecto sobre A Casa foi precisamente un dos proxectos traballados polo alumnado de Infantil, para o cal os/as arqueólogos/as deste equipo elaboraron o material e fixeron un obradoiro. O alumnado puido achegarse aos compoñentes que  utilizaban na prehistoria e nas civilizacións antigas para construír as vivendas. Con este material, adquirido, xunto con outros, pola biblioteca, as  nenas e os nenos de educación infantil conseguiron investigar e coñecer os principios da arqueoloxía.







LETRAS GALEGAS 2018




O curso 2017-18 foi tamén o de María Victoria Moreno. Desde a biblioteca de Lulu quixemos celebralo:

  • Desde o mes de febreiro, o alumnado que visitaba a biblioteca podía participar, voluntariamente, nun concurso sobre a vida e a obra de Mª Victoria Moreno. Ao tempo, distribuímos as bolsas das Letras Galegas para que houbera lectura compartidas coas familias.




  • A finais de maio, no centro celebramos os Maios e As Letras Galegas. E aproveitouse a ocasión para entregar os agasallos ás premiadas e aos premiados.









  • Como remate do noso club de lectura, tivemos a honra de que nos visitara Montse Penas, autora da biografía de Mª Victoria Moreno A voz insurrecta. Con Montse comentamos e coñecemos aspectos moi interesantes e descoñecidos da escritora homenaxeada.




    • E para rematar as nosas actividades das Letras Galegas e da biblioteca, o alumnado de 4º de Educación Infantil, representou para as familias unha adaptación de A festa no faiado.
    A FESTA NO FAIADO (celebrada na biblioteca) on PhotoPeach

    20 may. 2018

    Radio Escolar CEIP López Ferreiro

    Aquí tedes o programa de radio que se levou a cabo na actividade formativa (PFPP) que desenvolveu gran parte do profesorado e na que participaron todos os niveis educativos do centro.

     É un primeiro achegamento para a creación da nosa radio escolar.


     

    29 abr. 2018

    DÍA DO LIBRO

    Na biblioteca de Lulu celebramos o Día do libro xuntamente coa fin do proxecto sobre os animais extintos, e coa entrega dos premios do concurso de poesía Poenimaladas. 

    No primeiro caso, as nenas e os nenos expuxeron as súas investigacións ou os seus contos, mediante a técnica do kamishibai, entre diferentes clases. Así, ademais de procurar unha concienciación medioambiental obxecto do noso Proxecto Documental Integrado durante todo o curso, procuramos desenvolver actitudes de respecto cara o traballo realizado entre diferentes grupos.


     


     E o propio día 23 de abril, os participantes do concurso de poesía, acudiron á biblioteca para recoller os galardóns. Nesta convocatoria, batíuse o récord de participación, polo que tamén houbo máis premios ca ningún outro ano.


    Día do libro 2018 on PhotoPeach


     Todas e todos obtiveron un diploma e un marcapáxinas pola súa participación. Logo, as gañadoras e os gañadores foron recibidos na libraría Couceiro, onde lles explicaron a evolución do proceso de encadernación dos libros. Tamén puideron escoller os libros que querían levar como premios. E os seus poemas publicaranse pola biblioteca de Lulu.




    31 mar. 2018

    FACENDO ARTE CON ROSALÍA

    As nenas e os nenos de 1º,2º, 3º e 4º de primaria tiñan estrofas de diferentes poemas de Rosalía. Pero xuntáronse no corredor do biblioteca para ordenalas, ilustralas e lelas.

    Unha actividade entre as clases coa que contribuímos a aumentar os "fondos de arte" con Rosalía como protagonista, e coa que, asemade, darase a coñecer a súa obra xa que os resultados exporanse por todo o centro.



     

    29 mar. 2018

    ROSALÍA INSPIROU O NOSO DÍA DA MULLER



    Rosalía de Castro é un referente en moitos eidos. Pero esta muller, que escribiu nunha lingua que non podía ser lida polos seus falantes, e que defendeu a dignidade das mulleres galegas (das soas, das aldraxadas, das viúvas, das que van de romería porque queren pasalo ben, das enganadas, das traballadoras, das literatas...), é tamén o símbolo da muller que loita pola igualdade.

    Para refrendar esta idea, o alumnado de educación infantil tivo a sorte de participar nun obradoiro de ilustración dirixido por Ana Costas, ilustradora, á súa vez, de moitos dos libros de Helena Villar e de María do Ceo que nos acompañaron o sete de marzo.

    A historia do gato azul que un día pintou María do Cebreiro nunha clase do López Ferreiro, e que a mestra lle tirou á papeleira porque disque que os gatos azuis non existían, serviu de fío condutor para unha mañá inolvidable.




    Ademais, o alumnado de educación infantil fixo nesta ocasión de padriños e madriñas da lectura aos maiores. Buscaron información de mulleres destacadas en diversas facetas, e acompañárona de imaxes significativas; localizaron en mapas os seus respectivos países, e finalmente plasmaron e escribiron a información obtida.

     E como a deron a coñecer? Presentándoa por grupos rotativos  nas clases  de quinto.   Unha experiencia chea de valores coa que todas e todos aprendemos.


    APRENDENDO A PENSAR EN FEMININO on PhotoPeach

    28 mar. 2018

    O DÍA DE ROSALÍA

    A mellor maneira de coñecer a Rosalía é léndoa, e facéndoa partícipe das nosas vivencias desde as idades máis temperás. É por iso que o alumnado de quinto, quixo reinvidicar á Rosalía compostelá, e ofreceulle a súa biografía ao alumndo de educación infantil, amosando os lugares da nosa cidade onde a escritora viviu. A presentación intercalouse con poemas escenificados da nosa poetisa máis
    universal.


    E as familias tamén puideron coñecer a biografía de Rosalía, mais neste caso a técnica empregada por alumnoase alumnos de 3º, 4º e 5º foi o kamishibai.


    27 mar. 2018

    VISITAS NA NOSA BIBLIOTECA



    Ao longo do trimestre o alumnado de 5º e de 3º coñeceu ás autoras dos seus libros de lectura: María Canosa, Mónica Rodríguez e Ledicia Costas estiveron neste trimestre para comentar as historias que aparecen, respectivamente en Rubicundo, Alma y la isla e a Señorita Bubble.


    RECIBIMOS VISITAS NA BIBLIOTECA on PhotoPeach


    Pero, ademais, o Decano da facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán, tamén nos acompañou. Unha lección universitaria para entender o cambio climático e as súas consecuencias na vida da xente.



    18 mar. 2018

    UN TRIMESTRE PARA RECORDAR: O DÍA DA PAZ


    Comezamos o mes de xaneiro enviando ás clases presentacións de mulleres gañadoras do Nóbel da Paz.
    CELEBRANDO O DÍA DA PAZ on PhotoPeach










     Pero, asemade, nalgunhas clases desenvolvéronse traballos específicos. Por exemplo, en 5º, buscaron poemas de paz e tamén noticias da prensa para comprobar como se están a respectar os dereitos humanos.

    16 feb. 2018

    ENCONTROS LECTORES: VISITOUNOS ROSA ANEIROS E XA TEMOS OUTRO ENCONTRO PROGRAMADO.

    O día 30 de xaneiro recibimos nos Encontros lectores á escritora Rosa Aneiros. 

     Comentounos como como partiu de experiencias persoais para a composición de A batalla da pequena Chañán Curi Coca, mais que tamén houbo moitos horas de documentación con plataformas de afectados pola especulación inmobiliaria. 

     Unha divertida tarde de lectura compartida, coa que aprendemos a mirar cos ollos das nenas e dos nenos as cousas importantes.







    E o 27 de febreiro, unha proposta moi distinta: A avoa gánster. 

    Queres axudarnos a roubar as xoias da coroa británica? Pois vente a compartir a lectura!





    25 ene. 2018

    O ALUMNADO TRABALLOU A ORALIDADE EN LINGUA GALEGA

    Grazas á colaboración entre as biblioteca do CEIP López Ferreiro e a Ánxel Casal, as nenas e os nenos de primeiro, de segundo e de quinto recompilaron diferentes mostras de tradición oral que expuxeron no auditorio da biblioteca pública.



     V MARATÓN TRADICIÓN ORAL on PhotoPeach

    16 ene. 2018

    EMPEZAMOS O 2018!


    Comezamos o 2018, e o 31 de xaneiro visitaranos a escritora, tamén membro da nosa comunidade educativa, Rosa Aneiros. Con ela, comentaremos o seu libro A batalla da pequena Chañán Curi Coca.
    A actividade comezará ás cinco da tarde, na biblioteca do CEIP López Ferreiro.





    Pero tamén temos que recordar algunhas actividades coas que rematamos o ano.


    Marco Iglesias, de 1º C,  posuidor da rifa número 75, conseguiu  a cesta de libros que lle foi entregada polos axudantes da biblioteca entre os aplausos dos asistentes.




    Nenas e nenos de 5º representaron unha adaptación do libro O Apalpador vs. Papá Noel, primeiro ante as familias e logo tamén para o alumnado de educación infantil. Por certo, os trasnos de quinto de educación infantil,  acompañaron na representación  cantando panxoliñas e amosándonos que a tradición oral galega, pode seguir moi viva.