29 abr 2016

VISITA DAS AUTORAS LEDICIA COSTAS E ANA ALONSO.



O 20 de abril, as nenas e os nenos de 4º coñeceron á escritora Ana Alonso, unha bióloga leonesa, ex-profesora, autora da colección "Pizca de sal", serie de libros que cun ton didáctico e á vez, ameno e divertido, achega os contidos curriculares desde outra perspectiva.

Nesta ocasión falaron sobre La herencia de Pedro, a historia dun neno orfo que abandona o mosteiro para converterse en cabaleiro...Canto pode aprenderse sobre a vida e os costumes da Idade media da man dun neno!


ANA ALONSO e LEDICIA COSTAS on PhotoPeach


Pero se hai unha escritora exitosa neste momento, esa é, sen dúbida, Ledicia Costas quen, asemade, escribe na nosa lingua.

Visitounos o 12 de abril e tentou responder a todas as preguntas das nenas e nenos de 4º e 5º sobre Escarlatina, a cociñeira defunta. Así, coñeceron que moitas situacións reflectidas no libro están baseadas en situacións reais (por exemplo cando Dodoto se meteu na lavadora), e mesmo que a ela lle chaman moitas veces "Escarlatina" no canto de Ledicia...

Por outra banda, resultoulle sorprendente que no CEIP López Ferreiro xa houbera lectoras e lectores do seu novo título, Esmeraldina, a pequena defunta. Sobre todo, tendo en conta que só había tres días que se publicara... Ao final, recibiu distintos agasallos personalizados (libros de receitas especiais, debuxos, poemas...), e Ledicia asinou, pacientemente todos os exemplares.

DÍA DO LIBRO 2016

Despois de todo un mes de marzo dedicado á poesía, había que outorgar os premios correspondentes ao II Concurso de poesía Bibliolu. E iso aconteceu xusto a véspera da celebración do Día do libro, é dicir, o 22 de abril.

Era imposible que todos gañaran, pero si houbo agasallos especiais polo esforzo e o tempo que cada quen soubo darlle a este xénero literario.Os poemas premiados presentaranse no blog nunha data próxima; e os poetas e poetisas, puideron ampliar as súas inquedanzas lectoras na libraría Couceiro de Santiago, onde, asemade, tamén escoitaron unha explicación sobre como fora a historia da edición dos libros...