26 dic 2017

MES DA CIENCIA EN GALEGO

TARDE DE CIENCIA


Para rematar o mes galego da ciencia, rendemos unha pequena homenaxe a Anna Atkins e Rosalind Franklin. Para iso,  acompañáronnos na biblioteca  as investigadoras da USC, Silvia García Rubín e María de la Fuente Freire, con  quen, xunto a Fidel Vicente López, nos introducimos na  extracción do ADN  de diferentes produtos; tamén elaboramos partículas de alxinato e iniciámonos na cianotipia. 







E precisamente sobre a cianotipia, Silvia e Fidel deixáronnos unha presentación para que as rapazas e os rapaces se inicien neste apartado da ciencia, independentemente da súa idade.





EXPOSICIÓN

As pólas da  nosa árbore de exposicións, iranse cubrindo cada vez  máis con mulleres que destacaron en diferentes eidos. Trátase, xa que logo, de visibilizar a presenza feminina no progreso dos diferentes ámbitos do saber.




 E  xa que novembro é o mes da ciencia en galego, unha pequena reseña biográfica para que o noso alumnado coñeza a estas científicas galegas.







UNHA CIENTÍFICA EN CADA COLE









OBRADOIRO DE CIENCIA NA ÁNXEL CASAL O alumnado de quinto asistiu aos Obradoiros de ciencia organizados pola biblioteca Ánxel Casal. Dun xeito lúdico, as nenas e os nenos comprobaron como se produce o cambio climático e as súas consecuencias.

17 dic 2017

NA BIBLIOTECA CELÉBRASE O NADAL





O Nadal é unha festa cíclica do ano que tamén ten o seu lugar entre as actividades lectoras da biblioteca.

Así, o vindeiro 18 de decembro sortearase unha cesta con libros: as nenas e os nenos que desde o 15 de novembro levan libros en préstamo, reciben unha rifa. E quen teña o número da rifa, poderá levarse os exemplares.

En caso de que non aparecera o número, repetiríase o sorteo o día seguinte.






Pero o Nadal tamén é un tempo de agasallos. Por iso desde a biblioteca queremosofrecer algunhas suxestións: seguro que o Apalpador, Papá Noel ou os Reis Magos teñen tempo de pasar por algunha libraría.










E o 19, ás cinco e media da tarde, representaremos na biblioteca unha adaptación do libro O Apalpador vs Papá Noel. Teremos algunha novidade? O Nadal sempre é tempo de sorpresas...




                                                              BOAS FESTAS!

COMEZAMOS OS ENCONTROS LECTORES



En novembro comezamos os encontros lectores de alumnado e familias, cun clásico que segue a unir as xeracións: Pipi Mediaslongas.

Descubrimos que Pipi, máis que un exemplo dos malos modos infantís como moita xente a quere interpretar, era unha nena autónoma e independente, que  nos fai cuestionar principios establecidos na nosa sociedade (aínda que ela, como personaxe, fora creada no 1945).

No mes de decembro, non realizaremos os encontros lectores debido ás actividades de Nadal, pero en xaneiro xa esperamos a visita de Rosa Aneiros co seu libro A batalla da pequena Chañan Curi Coca.




11 dic 2017

EN NOVEMBRO RECIBIMOS A VISITA DA FAMILIA DE CARLOS CASARES

O alumnado de 4 anos do CEIP López Ferreiro participou, na biblioteca do centro e grazas ás familias do seu alumnado, nun contacontos para homenaxear a Carlos Casares.

Con esta actividade, a biblioteca quixo pór en valor a figura deste autor, a punto de rematar o ano no que se lle adicou o Día das Letras Galegas. Asemade, contamos para iso coa membro máis noviña da familia Casares, a súa neta.

A neta de Carlos Casares participou na homenaxe ao avó.

E escoitou as súas historias.

E compartíu as súas laranxas.

Unha mañá participativa e feliz.

5 nov 2017

DÍA DA BIBLIOTECA: ALFABETIZACIÓN NOS VIDEOXOGOS.





Nun contexto de alfabetizacións múltiples, quixemos celebrar o Día das bibliotecas co profesor  de Socioloxía da USC , Jorge García Marín, quen nos ofreceu unha interesantísima charla sobre os videoxogos que aparece resumida na seguinte presentación.







Asemade, deixounos uns documentos moi interesantes sobre a desigualdade de xénero e o sexismo nas redes sociais e unha guía sobre o uso seguro de videoxogos por menores.

Deste xeito, contribuímos tamén á celebración da Semana Mundial da Alfabetización en Medios e Información, proposta pola UNESCO, pero que pretendemos estendela ao longo do curso mediante diferentes boletíns. Velaquí vai o primeiro:


2 oct 2017

DÍA DAS BIBLIOTECAS: 24 DE OUTUBRO


Este martes, día 24 de outubro, celébrase o Día das bibliotecas unha data para recordar a queima da biblioteca de Saraxevo.

Na biblioteca de Lulu temos programada unha tarde especial para as familias, na que expoñeremos as liñas xerais de traballo para este curso, e o profesor da USC, Jorge García Marín, ofreceranos unha charla sobre os videoxogos.




Pero como o traballo na biblioteca é algo continuo, presentamos o vídeo que as nenas e os nenos de terceiro realizaron o curso pasado como remate final do proxecto sobre a fábula  que traballaron: "A raposa e as uvas".

Por outra banda, comprobamos como une Rosalía. As nenas e os nenos do CEIP Plurilingüe de Frions en Ribeira, tamén traballaron o poema "Adiós ríos, adiós fontes". Por iso aparecen no segundo vídeo recitando co alumnado de educación infantil do López Ferreiro...


 

24 may 2017

O NOSO OBRADOIRO DE RADIO

Durante este curso, desde a biblioteca escolar puxemos en marcha un obradoiro de radio grazas á colaboración de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. Durante seis obradoiros,alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria, achegáronse á solidariedade e á colaboración a través das ondas radiofónicas.

 Se premes neste enlace, comprobarás que neste programa retrátase o drama que viven os refuxiados cun relato, entrevístase á ONG Enxeñeiros Sen Fronteiras, elabóranse cuñas para lembrar os dereitos dos nenos e escoitamos as enquisas realizadas ao alumnado dunha cidade patrimonio, Toledo.


26 abr 2017

ABRIL: MES DOS LIBROS

    Abril é o mes por excelencia dos libros, xa que o día tres celébrase o Día do libro infantil e xuvenil, e o vinte e tres, o Día do libro. Pero estas datas non terían razón de ser se non houbera lectoras e lectores, se non houbera autoras e autores, e sobre todo, se non houbera unhas  ideas personalizadas que compartir.

  O alumnado de sexto coñeceu a Tomás González Ahola e Héctor Cajaraville, autores, respectivamente, de Alaia e a deusa e de Quen dá a quenda. Os de segundo e terceiro tiveron unha longa sesión con Xelís de Toro, de quen leran O trompetista e a Lúa  e O gato fantasma.

     Unhas sesións que sempre recordarán e que, de seguro, desenvolverán o seu gusto por achegarse á linguaxe escrita.



23 abr 2017

SOMOS UNHA BIBLIOTECA SOLIDARIA

Nunha biblioteca aberta á comunidade educativa establécense múltiples relacións entre os seus compoñentes. Por iso é tan necesario fomentar hábitos de responsabilidade, de empatía, de colaboración e de sociabilidade entre os seus compoñentes. 

 Para desenvolver e potenciar estes obxectivos. o alumnado de quinto, dirixido pola profesora Rosa Suárez Veiga, participou nun Obradoiro de habilidades sociais para a resolución de conflitos. Esta actividade dinamizouse desde a biblioteca escolar  a partires da análise e reflexión de diferentes textos, e aquí preséntase un resumo do realizado.










19 abr 2017

5 abr 2017

COÑECENDO A ROSALÍA


Porque a mellor maneira de respectar, é coñecéndose...




 Esta presentación realizouse grazas á colaboración entre o equipo de dinamización da biblioteca e o equipo TIC do centro.

2 abr 2017

ESTABLECENDO REDES MUSICAIS CON ROSALÍA

O alumnado de 3 anos do CEIP López Ferreiro recibiu o mércores, na biblioteca do centro, a visita  dunha virtuosa do acordeón, Helena Sousa.

Esta moza ourensá formouse cos mellores profesores galegos e españois e acadou numerosos premios, nacionais e internacionais. Actualmente estuda na "Haute-École des Arts du Rhin" (Estrasburgo, Francia) un máster na especialidade de Interpretación-Acordeón co profesor Pascal Contet.


Helena, que veu visitar a familia, preparou un pequeno concerto didáctico para o alumnado. Tamén agasallou os nenos e as nenas da escola musicando a Rosalía, pois sabe que no centro, e concretamente dende a biblioteca,  están a traballar a poesía desta autora.








28 mar 2017

VISITOUNOS HELENA VILLAR


As celebracións na biblioteca foron acumulándose neste mes de marzo: o Día de Rosalía, o Día Internacional da Muller, o Día do teatro, o Día da poesía, o concurso de Poemitos, o intercambio cultural con escolares de Toledo e Segovia... 

 Pouco a pouco, iremos expoñendo as diferentes actividades...Pero mentres, aquí vai unha mostra de como as nenas e os nenos  de 4º de Educación Infantil desenvolveron esta actividade dentro da programación da Biblioteca do centro. 

A homenaxe tivo por título Mulleres que len/leron e escriben/escribiron, pois o alumnado máis cativo do centro leva todo o curso traballando arredor de figuras da literatura tan importantes como Rosalía de Castro, Ana María Fernández ou Helena Villar.

As mestras de Infantil, na procura de materiais e información para achegarlle ao alumnado sobre este tema, deron cun traballo precisamente de María do Cebreiro: "As mulleres como lectoras e escritoras en Galicia" (Consello da Cultura Galega).

Hai que engadir que nai e filla, mestra e alumna, no seu momento, do Colexio López Ferreiro, quedaron encantadas coa homenaxe. O alumnado e as docentes xa agardan un novo encontro!



8 mar 2017

TRABALLO FINAL DO PROXECTO DE 2ºB


Ao longo do curso desenvolvouse como Proxecto Documental Integrado desde a biblioteca e para todo o centro, a temática sobre as fábulas, os mitos e as lendas.

Cada nivel, realizou un pequeno proxecto que se resume cun traballo final. Deste xeito, as nenas e os nenos de 2ºB, fixeron diferentes tarefas relacionadas coa lenda que contén o libro A gaivota e o faro.
E agora, preséntannos a súa lectura sobre as ilustracións de Jorge del Corral.

Un fermoso canto á integración...


10 feb 2017

THE ENGLISH'S LIBRARY E XOGO DAS LETRAS GALEGAS

Co ano novo, comezamos dúas actividades novas no tempo da biblioteca: - The English's library é un xeito de escoitar, ler e falar en inglés a partires do material da biblioteca e no que contamos coa colaboración de Olga, a nosa auxiliar de conversa. Nesta ocasión, un grupo de nenas e nenos de terceiro memorizou un poema e representárono, manipulando diversos materiais, e todo...IN ENGLISH!




Asemade, comezou o xogo das Letras Galegas,  para favorecer a busca de información a partires dos fondos e dos soportes cos que conta a biblioteca.



Aproximadamente cada mes, as nenas e os nenos que acudan a biblioteca durante os recreos, poderán responder a unha pregunta (diferente, segundo o nivel) relacionada con Carlos Casares.


Quen consiga catro fichas de preguntadas acertadas, recibirá un agasallo conmemorativo polo Día das letras galegas.

4 feb 2017

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR

María Solar foi a primeira autora que nos visitou este curso. E achegouse ata a nosa biblioteca para falarmos sobre o seu libro As meigas de Lupa, unha historia que ten bastante que ver coa fundación da cidade de Santiago. A este encontro asistiron lectoras e lectores de moi diferentes idades, polo que María comentou variadas anécdotas relacionadas cos seus libros e puxo un especial fincapé en poñer en valor a literatura infantil e xuvenil. Quizais un tipo de lectura máis considerada noutras latitudes, e non moi lonxanas da nosa. En definitiva, unha tarde na que descubrimos que a escritura do libro resultara algo máxico para ela, porque todo o que lle foi acontecendo con el foi marabilloso: desde as colaboracións (comezando pola portada), ata o feito de que un músico de sona lle puxera música...

30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

Nunca sobra recordar, e máis nestes tempos, que sementar a paz e o respecto é unha das aprendizaxes máis  difíciles, pero que hai que ir desenvolvendo e fomentando desde que se nace.

 Para iso, é importante recordar a figuras históricas que loitaron por defender os nosos dereitos, como o caso de Gandhi, personaxe que se recorda o 30 de xaneiro.

 Pero este ano, desde a biblioteca do centro, consideramos que había que reflexionar sobre o que sucede no mundo. Así, elaborouse un boletín de recursos para que se traballara esta data polas clases.




Asemade, ese día, realizouse teatro lido para o alumnado de primaria. Ata terceiro, leuse e representouse o libro La princesa Laca en la lejana Birmania  (F. J. Malaval,  Proteus editorial), ou como enfrontarse ás tiranías dun xeito pacífico.

DÍA DA PAZ 2017 on PhotoPeach
E para o alumnado de cuarto a sexto, El viaje, unha historia de Francesca Sanna, publicada por Impedimenta,  e que amosa o drama dos refuxiados desde a perspectiva dun neno.

19 ene 2017

DE PASEO COA MITOLOXÍA...TODO UN ÉXITO


A cidade de Compostela pode aproveitarse como recurso iconográfico para buscar outra maneira de ler.

Isto é o que pensaron en 6º, e puxéronse mans á obra e pés pola cidade para localizar, investigar e reelaborar información sobre a mitoloxía que aparece nalgúns edificios.

Como resultado, este proxecto foi premiado no concurso A función social do patrimonio que convocan as cidades patrimonio da humanidade españolas, e, por tanto, o noso centro será o representante do concello de Santiago de Compostela. 

Así, nós tamén recibiremos ao seleccionado por Toledo, e a finais de marzo iremos coñecer a cidade de Segovia...

Xa estamos preparando as maletas...!

PROGRAMA DE HABILIDADES SOCIAIS




Desde a biblioteca do centro, queremos ofrecer este curso unha nova actividade que amplíe e complemente algúns traballos que xa se están a desenvolver.

Hai un grupo de nenas e nenos de 6º que forman parte xa do Grupo Solidario, que se está reunindo cada venres, no recreo, para informarse, formar, e ser quen de organizar campañas e actividades solidarias en colaboración con distintas ONGs. A primeira campaña que están a poñer en marcha é: Por un consumo responsable

Coas nenas e os nenos de 5º, levaremos a cabo unha proposta para traballar as habilidades sociais. Pensamos que son una ferramenta ao servizo dun modelo de convivencia pacífico baseado na participación, na colaboración e no diálogo.


A nosa intención é que a biblioteca sexa, aínda máis, un espazo colectivo dinámico de recursos e servizos, de integración, de promoción de actitudes reflexivas e críticas, de articulación de materiais e de procesos pedagóxicos.



17 ene 2017

UNHA ROTA PARA COÑECER A ORIXE DA NOSA LITERATURA

Un dos contidos curriculares en 5º e 6º, é o de coñecer as principais formas de expresión literaria en lingua galega. 

Por iso, e aproveitando que o noso centro se encontra nunha cidade de orixe medieval como Santiago de Compostela, aproveitamos que a profesora especialista da materia na USC, Mª Isabel Cabanas Morán, tiña a ben facer unha pequena rota co alumnado de 6º, para coñecer algúns dos trobadores máis representativos relacionados coa nosa cidade. 

 E é que tal como se demostra no libro O amor que eu levei de Santiago, Compostela foi centro internacional das letras medievais e por aquí andaron e compuxeron as súas cantigas Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Fernando Esquio, Joám Airas, Joám Vásquez, Pai Gomes Charinho, Pedro Amigo de Sevilha, Pero da Ponte, Pero Garcia de Ambroa, Sancho Sanches, Rui Fernandes, Afonso Eanes do Cotón, Pai da Cana, Pero Meogo, Osorio Eanes...

Antes da saída, o alumnado preparou as cantigas na clase, analizando o seu contido e as súas características métricas. Tamén se deseñaron xogos para representar nos distintos puntos da rota (buscas  dos tesouros, ordenar estrofas, cantalas a ritmo de rap...),  e finalmente visitouse a biblioteca América da USC, onde nos amosaron auténticas xoias medievais como o Libro de horas de Fernando I, datado en torno ao 1055 e considerado o libro máis antigo de Compostela.

 Pero todo o anterior non tería sentido se non servira de inspiración para as novas creadoras e creadores. Por iso, ao final, compuxeron cantigas que quizais sexa a orixe dunha nova corrente neotrobadoresca...

 En definitiva, todo un exemplo de colaboración  entre a biblioteca e a nosa comunidade educativa, representada nesta ocasión pola profesora Isabel Morán e pola directora da biblioteca universitaria Mabela Rey, e que se resume no seguinte vídeo: