Dentro do programa Lectura e familias no que o noso centro participa, organizaremos un obradoiro de escritura creativa e poesía visual para alumnado e familias na biblioteca Helena Villar, o xoves 7 de marzo, ás 17:00 h., baixo o título “Abracadabra e as sílabas bailan”.
No obradoiro, dirixido por Pablo Otero, haberá divertimentos da lingua para explorar a ficción, o absurdo, o tachismo, os xogos de grallas tipográficas ou as posibilidades narrativas do teclado dos teléfonos. Ademais, remataremos elaborando ideogramas, xa que estamos no mes da poesía!
Premendo na imaxe do cartel anunciador, poden inscribirse ou formular calquera
consulta relacionada con este obradoiro.
27 feb 2024
ABRACADABRA E AS SÍLABAS BAILAN!!
A RADIO ESCOLAR CAMIÑA CARA O 8M
Quince nenas e nenos de 4º, 5º e 6º participaron nun obradoiro de edición de radio fóra do horario lectivo.
Coa dirección de Verónica, de AGARESO, crearon os guións para editar e gravar as súas cuñas publicitarias dun xeito colaborativo. As irmás Mirabal, Alexia Putellas, algunhas mulleres da nosa historia e as Tanxugueiras, foron as mulleres seleccionadas como referentes neste 8M para a nosa radio escolar.
Pouco a pouco, a rapazada destes grupos formará a outras nenas e a outros nenos do centro no manexo dos elementos para a realización dos podcasts.
Esta proposta enmárcase nas actividades da biblioteca Helena Villar, dentro do seu programa "Radio na biblio", así como nas da modalidade Iguala-T dos CPInclúe nos que participa o centro. Podedes escoitala en lulunasondasblogspot.com ou premendo na imaxe inferior.
ENCONTROS LECTORES: HOMENAXE A EL HEMATOCRÍTICO E RUTA DE VERSOS POR SANTIAGO
Magnífica acollida tivo a homenaxe a El Hematocrítico que se realizou nos Encontros Lectores da biblioteca Helena Villar.
Participaron un total de trinta e cinco nenas e nenos que, segundo o seu nivel lector,
comentaron Gaivota Gourmet e Dona Problemas. Tamén houbo tempo para falar sobre Alcaldesa Vermella ou Axente Riciños, títulos imprescindibles para facer lectoras e lectores críticos.
Neste mes de febreiro, o día 28, sairemos do recinto escolar para coñecer por Santiago de Compostela cales foron as primeiras manifestacións escritas da lírica en lingua galega: as Cantigas. Visitaremos lugares vencellados con Bernal de Bonaval, Airas Fernández Carpancho, Joan Vasquez de Talavera e Airas Nunez.
Remataremos o percorrido nunha biblioteca símbolo da emigración, a biblioteca América do Pazo de Fonseca. Alí, alumnado e familias poderán contemplar distintos facsímiles medievais, entre eles o do libro máis antiguo escrito en galego: O libro das horas.
24 feb 2024
23 de FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA
No CEIP López Ferreiro celebramos o Día de Rosalía ilustrando poemas desta poetisa e escritora galega, e o resultado quedou plasmado en chapas que se repartiron ao persoal e alumnado do centro.