4 feb 2017

30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

Nunca sobra recordar, e máis nestes tempos, que sementar a paz e o respecto é unha das aprendizaxes máis  difíciles, pero que hai que ir desenvolvendo e fomentando desde que se nace.

 Para iso, é importante recordar a figuras históricas que loitaron por defender os nosos dereitos, como o caso de Gandhi, personaxe que se recorda o 30 de xaneiro.

 Pero este ano, desde a biblioteca do centro, consideramos que había que reflexionar sobre o que sucede no mundo. Así, elaborouse un boletín de recursos para que se traballara esta data polas clases.




Asemade, ese día, realizouse teatro lido para o alumnado de primaria. Ata terceiro, leuse e representouse o libro La princesa Laca en la lejana Birmania  (F. J. Malaval,  Proteus editorial), ou como enfrontarse ás tiranías dun xeito pacífico.

DÍA DA PAZ 2017 on PhotoPeach
E para o alumnado de cuarto a sexto, El viaje, unha historia de Francesca Sanna, publicada por Impedimenta,  e que amosa o drama dos refuxiados desde a perspectiva dun neno.

19 ene 2017

DE PASEO COA MITOLOXÍA...TODO UN ÉXITO


A cidade de Compostela pode aproveitarse como recurso iconográfico para buscar outra maneira de ler.

Isto é o que pensaron en 6º, e puxéronse mans á obra e pés pola cidade para localizar, investigar e reelaborar información sobre a mitoloxía que aparece nalgúns edificios.

Como resultado, este proxecto foi premiado no concurso A función social do patrimonio que convocan as cidades patrimonio da humanidade españolas, e, por tanto, o noso centro será o representante do concello de Santiago de Compostela. 

Así, nós tamén recibiremos ao seleccionado por Toledo, e a finais de marzo iremos coñecer a cidade de Segovia...

Xa estamos preparando as maletas...!

PROGRAMA DE HABILIDADES SOCIAIS




Desde a biblioteca do centro, queremos ofrecer este curso unha nova actividade que amplíe e complemente algúns traballos que xa se están a desenvolver.

Hai un grupo de nenas e nenos de 6º que forman parte xa do Grupo Solidario, que se está reunindo cada venres, no recreo, para informarse, formar, e ser quen de organizar campañas e actividades solidarias en colaboración con distintas ONGs. A primeira campaña que están a poñer en marcha é: Por un consumo responsable

Coas nenas e os nenos de 5º, levaremos a cabo unha proposta para traballar as habilidades sociais. Pensamos que son una ferramenta ao servizo dun modelo de convivencia pacífico baseado na participación, na colaboración e no diálogo.


A nosa intención é que a biblioteca sexa, aínda máis, un espazo colectivo dinámico de recursos e servizos, de integración, de promoción de actitudes reflexivas e críticas, de articulación de materiais e de procesos pedagóxicos.



17 ene 2017

UNHA ROTA PARA COÑECER A ORIXE DA NOSA LITERATURA

Un dos contidos curriculares en 5º e 6º, é o de coñecer as principais formas de expresión literaria en lingua galega. 

Por iso, e aproveitando que o noso centro se encontra nunha cidade de orixe medieval como Santiago de Compostela, aproveitamos que a profesora especialista da materia na USC, Mª Isabel Cabanas Morán, tiña a ben facer unha pequena rota co alumnado de 6º, para coñecer algúns dos trobadores máis representativos relacionados coa nosa cidade. 

 E é que tal como se demostra no libro O amor que eu levei de Santiago, Compostela foi centro internacional das letras medievais e por aquí andaron e compuxeron as súas cantigas Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Fernando Esquio, Joám Airas, Joám Vásquez, Pai Gomes Charinho, Pedro Amigo de Sevilha, Pero da Ponte, Pero Garcia de Ambroa, Sancho Sanches, Rui Fernandes, Afonso Eanes do Cotón, Pai da Cana, Pero Meogo, Osorio Eanes...

Antes da saída, o alumnado preparou as cantigas na clase, analizando o seu contido e as súas características métricas. Tamén se deseñaron xogos para representar nos distintos puntos da rota (buscas  dos tesouros, ordenar estrofas, cantalas a ritmo de rap...),  e finalmente visitouse a biblioteca América da USC, onde nos amosaron auténticas xoias medievais como o Libro de horas de Fernando I, datado en torno ao 1055 e considerado o libro máis antigo de Compostela.

 Pero todo o anterior non tería sentido se non servira de inspiración para as novas creadoras e creadores. Por iso, ao final, compuxeron cantigas que quizais sexa a orixe dunha nova corrente neotrobadoresca...

 En definitiva, todo un exemplo de colaboración  entre a biblioteca e a nosa comunidade educativa, representada nesta ocasión pola profesora Isabel Morán e pola directora da biblioteca universitaria Mabela Rey, e que se resume no seguinte vídeo:


27 dic 2016

NADAL NA BIBLIOTECA



Na biblioteca de Lulu tamén se celebrou o Nadal:


Boas festas!
- Rifouse unha cesta de libros entre as usuarias e os usuarios da biblioteca que levaron préstamos durante os últimos vinte días lectivos. A experiencia resultou todo un éxito, xa que se realizaron máis de trescentos empréstitos entre o noso alumnado de primaria. 
A papeleta seleccionada (número 9 de cor amarela), gardábaa Laura, de 3º A.

- O martes 20 de decembro, quixemos recuperar a tradición das tarxetas de Nadal para felicitar aos nosos achegados nestas festas. Ademais, as familias aproveitaron a ocasión para fotografar ás súas fillas e aos seus fillos como "Apalpador"; e contamos coa colaboración do Equipo TIC do centro para a confección das tarxetas dixitais.

- O mércores 21, último día de clase, os axudantes da biblioteca repartiron nas titorías o calendario de fábula con recomendación lectoras, elaborado por alumnado de todos os niveis. E algunhas clases tamén se animaron a retratarse co Apalpador, outra maneira de incitar a coñecer este personaxe de lenda que baixa das montañas...



12 dic 2016

POR UN ANO DE FÁBULA

Por un ano de fábula, no que o obxectivo seguirá sendo a formación de lectoras e lectores reflexivos, críticos e responsable ante a realidade, ademais de creativos..., presentamos este calendario confeccionado entre todos os niveis do CEIP López Ferreiro.

10 dic 2016

CELEBRACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO: A PRINCESA LACA E REFLEXIÓN A PARTIR DA LINGUAXE.


Unha moza traballadora; unha moza que valora e é crítica coa realidade; unha moza intelixente, que compón obxectos únicos grazas á súa creatividade; unha moza que vai collendo sona entre a súa comunidade... Será unha moza que ten que traballar para o poder...? Ou será o poder quen debe acabar con ela?

 A historia desenvólvese na lonxana Birmania, pero a valoración das mulleres, e por tanto dos seus dereitos como persoas, debe estar presente en calquera cultura. Tamén na nosa.


 A lectura teatralizada deste conto, serviu para conmemorar o Día da non violencia de xénero na biblioteca do CEIP López Ferreiro. E serviu tamén para compartir unha magnífica merenda preparada polo servizo de cociña do noso centro.


A PRINCESA LACA on PhotoPeach