5 abr 2017

COÑECENDO A ROSALÍA


Porque a mellor maneira de respectar, é coñecéndose...




 Esta presentación realizouse grazas á colaboración entre o equipo de dinamización da biblioteca e o equipo TIC do centro.

2 abr 2017

ESTABLECENDO REDES MUSICAIS CON ROSALÍA

O alumnado de 3 anos do CEIP López Ferreiro recibiu o mércores, na biblioteca do centro, a visita  dunha virtuosa do acordeón, Helena Sousa.

Esta moza ourensá formouse cos mellores profesores galegos e españois e acadou numerosos premios, nacionais e internacionais. Actualmente estuda na "Haute-École des Arts du Rhin" (Estrasburgo, Francia) un máster na especialidade de Interpretación-Acordeón co profesor Pascal Contet.


Helena, que veu visitar a familia, preparou un pequeno concerto didáctico para o alumnado. Tamén agasallou os nenos e as nenas da escola musicando a Rosalía, pois sabe que no centro, e concretamente dende a biblioteca,  están a traballar a poesía desta autora.








28 mar 2017

VISITOUNOS HELENA VILLAR


As celebracións na biblioteca foron acumulándose neste mes de marzo: o Día de Rosalía, o Día Internacional da Muller, o Día do teatro, o Día da poesía, o concurso de Poemitos, o intercambio cultural con escolares de Toledo e Segovia... 

 Pouco a pouco, iremos expoñendo as diferentes actividades...Pero mentres, aquí vai unha mostra de como as nenas e os nenos  de 4º de Educación Infantil desenvolveron esta actividade dentro da programación da Biblioteca do centro. 

A homenaxe tivo por título Mulleres que len/leron e escriben/escribiron, pois o alumnado máis cativo do centro leva todo o curso traballando arredor de figuras da literatura tan importantes como Rosalía de Castro, Ana María Fernández ou Helena Villar.

As mestras de Infantil, na procura de materiais e información para achegarlle ao alumnado sobre este tema, deron cun traballo precisamente de María do Cebreiro: "As mulleres como lectoras e escritoras en Galicia" (Consello da Cultura Galega).

Hai que engadir que nai e filla, mestra e alumna, no seu momento, do Colexio López Ferreiro, quedaron encantadas coa homenaxe. O alumnado e as docentes xa agardan un novo encontro!



8 mar 2017

TRABALLO FINAL DO PROXECTO DE 2ºB


Ao longo do curso desenvolvouse como Proxecto Documental Integrado desde a biblioteca e para todo o centro, a temática sobre as fábulas, os mitos e as lendas.

Cada nivel, realizou un pequeno proxecto que se resume cun traballo final. Deste xeito, as nenas e os nenos de 2ºB, fixeron diferentes tarefas relacionadas coa lenda que contén o libro A gaivota e o faro.
E agora, preséntannos a súa lectura sobre as ilustracións de Jorge del Corral.

Un fermoso canto á integración...


10 feb 2017

THE ENGLISH'S LIBRARY E XOGO DAS LETRAS GALEGAS

Co ano novo, comezamos dúas actividades novas no tempo da biblioteca: - The English's library é un xeito de escoitar, ler e falar en inglés a partires do material da biblioteca e no que contamos coa colaboración de Olga, a nosa auxiliar de conversa. Nesta ocasión, un grupo de nenas e nenos de terceiro memorizou un poema e representárono, manipulando diversos materiais, e todo...IN ENGLISH!




Asemade, comezou o xogo das Letras Galegas,  para favorecer a busca de información a partires dos fondos e dos soportes cos que conta a biblioteca.



Aproximadamente cada mes, as nenas e os nenos que acudan a biblioteca durante os recreos, poderán responder a unha pregunta (diferente, segundo o nivel) relacionada con Carlos Casares.


Quen consiga catro fichas de preguntadas acertadas, recibirá un agasallo conmemorativo polo Día das letras galegas.

4 feb 2017

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR

María Solar foi a primeira autora que nos visitou este curso. E achegouse ata a nosa biblioteca para falarmos sobre o seu libro As meigas de Lupa, unha historia que ten bastante que ver coa fundación da cidade de Santiago. A este encontro asistiron lectoras e lectores de moi diferentes idades, polo que María comentou variadas anécdotas relacionadas cos seus libros e puxo un especial fincapé en poñer en valor a literatura infantil e xuvenil. Quizais un tipo de lectura máis considerada noutras latitudes, e non moi lonxanas da nosa. En definitiva, unha tarde na que descubrimos que a escritura do libro resultara algo máxico para ela, porque todo o que lle foi acontecendo con el foi marabilloso: desde as colaboracións (comezando pola portada), ata o feito de que un músico de sona lle puxera música...