27 nov 2020
17 nov 2020
SAMAÍN E MAGOSTO NO LÓPEZ FERREIRO
Estamos nun curso escolar no que as celebracións que nos unen como colectividade, hai que celebralas dun xeito distinto.
E así, para o Samaín, as familias e mais alumnado, xunto co Equipo de actividades extraescolares, organizaron unha decoración especial que nos fixo espantar os medos e divertirnos.
Ademais, nalgunhas clases traballáronse contos de medo. A bruxa Regañadentes, os rapaces de A Figueira de Pelostortos, a cabaza de Corre Corre Cabaciña, os exemplares de Mortiña ou Minimortos, e boa parte da literatura de bruxas e vampiros saiu da biblioteca...E as nenas e os nenos de 6ºA crearon as súas composicións baseadas nos personaxes desta época.
O día 13, celebramos o magosto nas aulas, mais o alumnado de educación infantil, 1º e 2º, realizou outra maneira de ler: programaron os BeeBoots para que souberan avanzar cara unha cantiga do magosto, que ao final debían ler...
No seguinte muro, pode observarse a constancia do realizado.
7 nov 2020
CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS
O Día das Letras Galegas na nosa biblioteca, foi unha celebración en varias fases.
Comezamos no mes de marzo cun concurso no que se debía buscar información, entre o material da biblioteca, sobre o porqué desta data e o autor homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero. Poucos días despois, houbo que confinarse e a actividade quedou interrompida.
Mais sabemos que o xeito de programar tarefas online, veu para quedarse. Por iso, o Equipo de dinamización da biblioteca, ofreceu información na rede e volveu convocar o concurso coincidindo co 17 de maio.
O 28 de outubro, entregáronse os agasallos nas clases ás gañadoras e aos gañadores. Decidiuse que fora nesta data para que a súa importancia non se vira mermada polo Samaín.
A cara de felicidade destas nenas e destes nenos é todo un símbolo de que con xente así, interesada pola nosa lingua e a nosa cultura, o galego poderá vivir mil primaveras máis.
Parabéns!!
30 oct 2020
24 oct 2020
22 oct 2020
DÍA DAS BIBLIOTECAS NO CEIP LÓPEZ FERREIRO
A lectura sae das páxinas en papel: unha imaxe, un videoxogo, unha curtametraxe...Calquera medio audiovisual, ofrece novas formas de lectura que as nenas e os nenos do S. XXI teñen que aprender a decodificar dun xeito crítico.
No Día das bibliotecas ímolo intentar! Lulu agarda que vexades estas curtametraxes, e que logo, nos enviedes a vosa opinión xustificada desde o respecto e a crítica construtiva.
Para as nenas e nenos de educación infantil, e tamén para 1º e 2º de educación primaria, presentamos O incrible neno devorador de libros.
Despois do vídeo, aparecen unhas fichas orientativas para analizar e comentar esta curtametraxe.
E para as nenas e nenos e 3º, 4º e 5º, aquí está a historia de Los fantásticos Libros Voladores del Sr. Morris Lessmore, así como as fichas que se poden acompanar na súa análise e reflexión.
21 oct 2020
A BIBLIOTECA DE LULU, ÁBRECHE AS PORTAS...
Lulu botaba de menos a presenza das nenas e dos nenos do López Ferreiro na súa biblioteca.
Así que adaptouna ás normas da situación Covid, e xa houbo quen lle fixo unha visita.
As súas portas para a lectura seguen abertas...
Suscribirse a:
Entradas (Atom)




