23 abr 2024

23 DE ABRIL- DÍA DO LIBRO

No CEIP López Ferreiro celebramos o Día do Libro coa colaboración das familias e, por suposto, coa implicación do alumnado elaborando portadas de libros, e participando toda a comunidade educativa na votación para a elección dos favoritos.
Nas aulas tamén se fixeron actividades para a celebración deste día. 
Queredes ver o resultado?
 




8 abr 2024

ABRIL, MES DOS LIBROS: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL.

Para celebrar o Día do libro infantil e xuvenil, Marisa Irimia achegouse ao CEIP López Ferreiro, para amosar, ante unha biblioteca ateigada de ouvintes, que os contos serven para unir culturas, pois existen en todas elas.

E así, por medio do kamishibai, presentou “O gato sol”, conto tradicional vietnamita; logo, desde o Chad, tróuxonos a historia de “Por que hai tantas pedras no fondo dos ríos?”. Xa fóra de tempo amosounos “Hans e a princesa”, conto tradicional noruegués.



En definitiva, unha tarde na que grazas ao programa Lectura e familias, reflexionamos sobre a interculturalidade e na que se fortaleceron os vínculos entre o público adulto e o máis novo por medio da literatura tradicional; neste caso, representada.

21 mar 2024

11 mar 2024

PABLO OTERO AMOSOUNOS COMO CREAR EN FAMILIA

Dentro do programa Lectura e familias, o xoves 7 de marzo recibimos no CEIP López Ferreiro a visita de Pablo Otero, artista visual que ten ilustrado diferentes obras como Gramática da fantasía de Gianni Rodari, Cidades de Fran Alonso ou A cociña de Toto Morube de José A.Ramírez Lozano. 

Ademais, tamén probou sorte como autor, entre cuxas historias destaca Parece unha formiga, publicada por Kalandraka.

Nesta ocasión amosounos a creatividade que pode agocharse trala escritura das palabras. E así xurdiu todo un mundo de posibilidades coa composición de diferentes ideogramas por parte do alumnado e as súas familias.

E partindo dunha esponxa con mango, de anteolllos estendibles, de fotos antigas, de pelotas saltarinas…, abriuse a imaxinación de todas e de todos para compoñer adiviñas, poemas, pequenos contos, chistes…


En definitiva, diversas técnicas para traballar en familia e comprender que a lectura e a escritura abren novas visións pola súa creatividade.

E agora, xa esperamos por Marisa Irimia e o seu Kamishibai para o 3 de abril. Estades
convidadas e convidados!

27 feb 2024

ABRACADABRA E AS SÍLABAS BAILAN!!

Dentro do programa Lectura e familias no que o noso centro participa, organizaremos un obradoiro de escritura creativa e poesía visual para alumnado e familias na biblioteca Helena Villar, o xoves 7 de marzo, ás 17:00 h., baixo o título “Abracadabra e as sílabas bailan”.

No obradoiro, dirixido por Pablo Otero, haberá divertimentos da lingua para explorar a
ficción, o absurdo, o tachismo, os xogos de grallas tipográficas ou as posibilidades narrativas do teclado dos teléfonos. Ademais, remataremos elaborando ideogramas, xa que estamos no mes da poesía!
Premendo na imaxe do cartel anunciador, poden inscribirse ou formular calquera
consulta relacionada con este obradoiro.


A RADIO ESCOLAR CAMIÑA CARA O 8M

 
Quince nenas e nenos de 4º, 5º e 6º participaron nun obradoiro de edición de radio fóra do horario lectivo.
Coa dirección de Verónica, de AGARESO, crearon os guións para editar e gravar as súas cuñas publicitarias dun xeito colaborativo.  As irmás Mirabal, Alexia Putellas, algunhas mulleres da nosa historia e as Tanxugueiras, foron as mulleres seleccionadas como referentes neste 8M para a nosa radio escolar.
Pouco a pouco, a rapazada destes grupos formará a outras nenas e a outros nenos do centro no manexo dos elementos para a realización dos podcasts.
Esta proposta enmárcase nas actividades da biblioteca Helena Villar, dentro do seu programa "Radio na biblio", así como nas da modalidade Iguala-T dos CPInclúe nos que participa o centro. Podedes escoitala en lulunasondasblogspot.com ou premendo na imaxe inferior.