30 oct 2016

CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS


O 24 de outubro celébrase o Día das bibliotecas escolares. No López Ferreiro, fixémolo o 25 de outubro, xa que os martes é o día que as familias veñen ao centro para comentar diversos aspectos co profesorado.

Nesta ocasión, visitounos Mabela Casal Rey, directora da biblioteca da USC. Grazas a ela constatamos que hai diferenzas entre a biblioteca universitaria e a nosa: a súa ten moitos máis anos de antigüidade e, por tanto, non é comparable o número de volumes, e o seu material está dirixido a un público adulto que tenta ser especialista nunha materia.

Pero hai algo que nos une: as bibliotecas non poden ser  un almacén de libros...Hai que facelas dinámicas e eixos transversais no proceso de ensinanza e aprendizaxe, algo que se dá en todos os momentos da vida.
Polo de pronto, ese día algunhas nenas e nenos de tres anos xa comezaron a levar libros.

Dentro desa dinámica, solicitamos á Asesoria de bibliotecas escolares dúas maletas viaxeiras que nos chegaron repletas de material  para traballar en, e  coas, familias. Este material pode levarse en préstamo ata o 15 de novembro, pero debido a que ao elevado número que conforma a nosa comunidade educativa, nesta ocasión a actividade está dirixida, primordialmente, ás familias de 3º e 4º.

E, por suposto, as suxestións feitas a Lulu, tamén contan. Na avaliación da biblioteca realizada o curso pasado, comprobouse que o alumnado solicitaba material para gozar do recreo realizando "pasatempos". Por tanto, adquiríronse fondos deste tipo que as axudantes da biblioteca presentaron polas aulas. Agora xa está a disposición de todas e de todos: hai que seleccionar o xogo (hainos de diferentes tipos e para as diversas idades); ler moi ben as indicacións antes de realizalo e, finalmente, pedir aos axudantes da biblioteca que nos recorten a ficha apara levar para a casa.



E coincidindo coa celebración da Semana das bibliotecas, o usuario que máis empréstitos solicitou e levou o curso 2015-16, recibiu un pequeno agasallo da biblioteca de Lulu. Parabéns a Hugo e a ver quen se anima este ano a imitalo!

HAI QUE PREPARAR O CALENDARIO DE 2017

Xa vai quedando menos para despedir o 2016. E como todos os anos desde o equipo de dinamización da biblioteca, coa colaboración do noso alumnado, crearemos o calendario de recomendacións lectoras para o 2017.

Como seguro que será un calendario de fábula, as ilustracións farán referencia a este tipo de narracións. Pero como hai tantas, cales elixir?

Se queres axudarlle a Lulu na selección, encontrarás papeletas para votar no andar da biblioteca. Podes seleccionar ata cinco, e as gañadoras, compoñerán o noso calendario...

Anímate a participar! Tes de prazo ata o 15 de novembro



TEMOS NOVO MATERIAL

As primeiras novidades vanse incorporando á biblioteca de Lulu.

En breve, poderedes levalas en préstamo.