30 oct 2016
CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS
O 24 de outubro celébrase o Día das bibliotecas escolares. No López Ferreiro, fixémolo o 25 de outubro, xa que os martes é o día que as familias veñen ao centro para comentar diversos aspectos co profesorado.
Nesta ocasión, visitounos Mabela Casal Rey, directora da biblioteca da USC. Grazas a ela constatamos que hai diferenzas entre a biblioteca universitaria e a nosa: a súa ten moitos máis anos de antigüidade e, por tanto, non é comparable o número de volumes, e o seu material está dirixido a un público adulto que tenta ser especialista nunha materia.
Pero hai algo que nos une: as bibliotecas non poden ser un almacén de libros...Hai que facelas dinámicas e eixos transversais no proceso de ensinanza e aprendizaxe, algo que se dá en todos os momentos da vida.
Polo de pronto, ese día algunhas nenas e nenos de tres anos xa comezaron a levar libros.
Dentro desa dinámica, solicitamos á Asesoria de bibliotecas escolares dúas maletas viaxeiras que nos chegaron repletas de material para traballar en, e coas, familias. Este material pode levarse en préstamo ata o 15 de novembro, pero debido a que ao elevado número que conforma a nosa comunidade educativa, nesta ocasión a actividade está dirixida, primordialmente, ás familias de 3º e 4º.
E, por suposto, as suxestións feitas a Lulu, tamén contan. Na avaliación da biblioteca realizada o curso pasado, comprobouse que o alumnado solicitaba material para gozar do recreo realizando "pasatempos". Por tanto, adquiríronse fondos deste tipo que as axudantes da biblioteca presentaron polas aulas. Agora xa está a disposición de todas e de todos: hai que seleccionar o xogo (hainos de diferentes tipos e para as diversas idades); ler moi ben as indicacións antes de realizalo e, finalmente, pedir aos axudantes da biblioteca que nos recorten a ficha apara levar para a casa.
E coincidindo coa celebración da Semana das bibliotecas, o usuario que máis empréstitos solicitou e levou o curso 2015-16, recibiu un pequeno agasallo da biblioteca de Lulu. Parabéns a Hugo e a ver quen se anima este ano a imitalo!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario