13 dic 2019

ENCONTROS LECTORES



Como soe ser habitual desde hai cinco cursos, comezaron os encontros lectores en novembro.

 E a pesares da tarde de temporal, xuntouse un grupiño de lectoras interesadas en comentar a vixencia de Ana de las tejas verdes: a explotación laboral; a importancia da imaxe; o desexo de que nos queiran e nos acepten; o mundo da relixión, da escola, dos veciños..., plasmado desde  a perspectiva infantil, foron temas comentados arredor dunha merenda na biblioteca.

A próxima reunión será en xaneiro, e a proposta será Usha, de María Reimóndez.

Pero ademais, o 21 de xaneiro comezaremos cun club de lectura especialmente dirixido ás máis novas lectoras e aos máis novos lectores...E é que a mellor maneira de fomentar a lectura é compartíndoa.

E TAMÉN A SOLIDARIEDADE DÁ OS SEUS FROITOS!



Hai agora un ano, o grupo solidario da biblioteca do López Ferreiro organizou un mercadiño solidario para conseguir fondos para a escola  “Apóstolo Santiago” do Chad.
 A recadación superou todas as nosas expectativas: 950 €!!!
Tal como tiñamos previsto doamos os cartos ao proxecto do santiagués Ismael Piñón; a primeira fase das aulas de primaria xa estaba rematada grazas á colaboración da delegación de Santiago de “Manos Unidas”,  polo que a nosa aportación dirixiuse a mercar material escolar ou mercar os almorzos do alumnado de infantil durante 6 meses.
O pasado mes de xullo Ismael Piñón estivo en Santiago e explicounos que como a nosa aportación era tan xenerosa, pediu axuda a unha organización española para completala, e construíron unha casiña destinada aos alumnos e alumnas de infantil. ¡Nada máis e nada menos!
Os pais e nais enviaron un agasallo para nós: unha tea estampada por eles mesmos chea de cor e de agradecemento.
Este curso plantexámonos seguir aprendendo sobre solidariedade, igualdade, desenvolvemento e xustiza.
E seguiremos apoiando a escola de Chad que xa é tamén “a nosa escola”.




8 dic 2019

SEMANA DA TRADICIÓN ORAL

Desde hai uns anos, é habitual que o CEIP López Ferreiro colabore coa biblioteca pública Ánxel Casal na celebración da Semana de tradición oral.

E este curso, fomos convidadas e convidados de novo a participar no VI Maratón de tradición oral, no que participou o alumnado de 1º, de 2º e mais o de 5º.

Toda unha homenaxe á nosa literatura que se foi transmitindo de xeración en xeración.

Neste póster dixital podedes ver unha escolma do que alí fixo o citado alumnado.