21 dic 2023

OS ENCONTROS LECTORES REGRESARÁN EN XANEIRO.

 Parece que as propostas dos nosos clubs de lectura están tendo moi boa acollida entre as lectoras e os lectores do CEIP López Ferreiro.

Polo momento, traballamos a narración e o libro divulgativo (en formato cómic para quen ten autonomía lectora). Pero a partir de xaneiro, haberá máis sorpresas: a mitoloxia,  a filosofía, o teatro, a poesía…, e algunha saída, van estar presentes.

Estade atentas e atentos ás notas informativas da biblioteca. Agardámosvos!!

 

19 oct 2023

COMEZAMOS A ANDAINA NA BIBLIOTECA HELENA VILLAR.

Unha misteriosa regadeira chegou o venres 13 de outubro a Santiago de Compostela…Trouxo o outono, pero tamén as mochilas viaxeiras para que desde as aulas chegaran ás casas, e os carnés de lectoras e lectores para todo o alumnado do CEIP López Ferreiro.

Coa auga como inspiración para os proxectos deste curso escolar, a partir desta semana as nenas e os nenos do centro terán á súa disposición un material co que emocionarse, viaxar a outras realidades, coñecer os porqués do que acontece na súa contorna…

En definitiva, un lugar onde aprender a sentir  a beleza das palabras como cantaba Rosalía: é a nosa biblioteca, onde Lulu vos agarda.

Sede benvidas e benvidos!!


 

13 sept 2023

BENVIDA curso 2023/2024

Desde a Biblioteca Helena Villar do CEIP López Ferreiro, o Equipo de Dinamización e a mascota LULU, queremos darvos a benvida ao curso 2023/2024 desexando e esperando que estea cheo de novas aprendizaxes, e momentos de ledicia!

2 jun 2023

PROGRAMAS QUE ESTÁN CHEGANDO Á SÚA FIN

As nosas actividades da biblioteca fóra do horario lectivo, están chegando á súa fin. Nos encontros lectores, despois da exitosa visita de Paula Carballeira, quedamos con desexos de facer teatro lido. A obra seleccionada foi un título da mesma autora, Somos os monstros.
E así, xuntámonos para representar cada personaxe, tanto de xeito oral, como por medio dos debuxos cos que as nenas e os nenos deseñaron chapas para agasallar  ás e aos participantes do club de quen se inicia na lectura. 

 O día 31 de maio, Charo Pita clausurou o programa de Lectura e familias. Esta escritora, actriz, cantante, contacontos...,  desenvolveu na biblioteca Helena Villar un dos seus obradoiros de lectura expresiva. 
Baixo o título "Abrazar coas palabras", o alumnado e as familias do López Ferreiro xogaron coa tradición oral, coa rima e coa música. Debullaron álbumes ilustrados sen palabras, crearon historias e sorprendéronse coa selección literaria que Charo nos achegou.

15 may 2023

OBRADOIRO DE ROBÓTICA PARA O ALUMNADO DE 2º E 4º DE PRIMARIA.

 A biblioteca Helena Villar  do CEIP López Ferreiro é un servizo para desenvolver as competencias clave entre o noso alumnado, polo que un dos seus obxectivos e potenciar e promocionar prácticas metodolóxicas activas, cooperativas e inclusivas.

Tendo en conta o anterior, e grazas á contía asignada pola nosa participación no programa Bibliotecas Creativas, o alumnado de 2º e de 4º de educación primaria (un total de cento trece nenas e nenos), desenvolveron un obradoiro de robótica educativa dirixido por Almudena Alonso, de Competencia Dixital.

Durante catro sesións, nun contexto de alfabetización múltiple e cunha metodoloxía baseada no traballo colaborativo, estimularon a súa comunicación lingüística, o razoamento lóxico para chegar a diferentes tesouros e acadar o "pasaporte escornabótico", a creatividade, a investigación, a  aprendizaxe manipulativa e o xogo.

Ao premer na imaxe, pode observarse un breve resumo fotográfico destas sesións.



7 may 2023

DÚAS GRANDES DA INTERPRETACIÓN: PAULA CARBALLEIRA E CHARO PITA NO LÓPEZ FERREIRO

 

Dúas mulleres representantes da escena galega, Paula Carballeira e Charo Pita, acompañáronnos no mes de abril para amosar os seus recursos, en forma de lectura oral ou escrita, ao alumnado do López Ferreiro. 

Deste xeito, Paula ofreceunos o seu espectáculo "Contos para acabar con algún medo". Mediante o humor e a interactuación co público, amousou que o medo é un sentimento que se desenvolve en colectivo,  pero que amellor maneira de vencelo é enfrontándose a el.

A súa actuación pudo levarse a cabo grazas ao programa Lectura e familias e tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación.




Pola súa banda, Charo Pita pasou a mañá do 29 de abril co alumnado de 3º do CEIP López Ferreiro desenvolvendo un obradoiro de lectura expresiva, fundamental para unha boa comunicación e para unha axeitada comprensión dos textos. Este obradoiro enmárcase dentro das accións do programa Radio na biblio.

Partindo de mostras da tradición oral, amosoulles a importancia da postura corporal para a correcta entoación, a importancia dos signos de puntuación e técnicas de vocalización...En definitiva, a perda do medo ao ridículo e o desfrute colectivo que supón a interacción cun texto escrito.



Tanto Paula como Charo, amosaron a súa satisfacción por compartir unhas horas coa nosa comunidade educativa, e sobre todo, porque a lectura dramatizada estea presente na programación de actividades da nosa biblioteca escolar.

21 abr 2023

 Non hai mellor xeito de celebrar o DÍA DO LIBRO que co agasallo dun libro e unha foto con Cervantes. E así o fixemos.

   Tamén pensamos e escribimos cales son os nosos libros favoritos.

17 abr 2023

RETOS CON ESCORNABOTS SOBRE MULLERES GALEGAS

O Equipo da biblioteca está levando a cabo, co alumnado de 4º, 5º e 6º, a actividade que tanto os entusiasmou  o curso pasado: OS RETOS SOBRE MULLERES GALEGAS cos escornabots.

1º.-Empezamos a averiguar o código secreto escribindo os pasos que avanza o escorbabot, o xiro cóntase como 1.

2º.- Comprobamos cun lector de códigos QR que o código coincida co que escribimos, senon é así, volvemos a realizar a actividade dende o principio. Se o código coincide, levantamos a solapa e aparecerá o nome dunha sección da biblioteca.

3º.- Imos a esa sección da biblioteca e buscamos un sobre, no que aparecerá unha pregunta que deberemos responder.

 


4º.-Se os membros do grupo coñecen a resposta, deberán dicirlla ao responsable da actividade, se non a saben, poden informarse no taboleiro onde están expostas as infografías de mulleres galeras.


7 abr 2023

LECTURA E FAMILIAS

 Despois da exitosa saída para coñecer algúns dos lugares onde viviu Rosalía de Castro en Compostela, e a lectura das súas composicións, seguimos coas actividades do programa "Lectura e familias".

O vindeiro 17 de abril, ofrecerase unha actividade das máis demandadas polas familias o curso pasado: o teatro. 

Paula Carballeira visitaranos cun espectáculo para amosar ás persoas adultas e ás crianzas que para cada medo sempre se pode atopar algún remedio...




8 mar 2023

DÍA DE ROSALÍA E 8 M

Celebramos o 8M con Rosalía como protagonista, o alumnado do centro escribiu en tea estrofas de poemas rosalianos con decoracións moi orixinais. Unha actividade para dar a coñecer a súa obra xa que os resultados exporanse polo centro.