30 oct 2016

CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS


O 24 de outubro celébrase o Día das bibliotecas escolares. No López Ferreiro, fixémolo o 25 de outubro, xa que os martes é o día que as familias veñen ao centro para comentar diversos aspectos co profesorado.

Nesta ocasión, visitounos Mabela Casal Rey, directora da biblioteca da USC. Grazas a ela constatamos que hai diferenzas entre a biblioteca universitaria e a nosa: a súa ten moitos máis anos de antigüidade e, por tanto, non é comparable o número de volumes, e o seu material está dirixido a un público adulto que tenta ser especialista nunha materia.

Pero hai algo que nos une: as bibliotecas non poden ser  un almacén de libros...Hai que facelas dinámicas e eixos transversais no proceso de ensinanza e aprendizaxe, algo que se dá en todos os momentos da vida.
Polo de pronto, ese día algunhas nenas e nenos de tres anos xa comezaron a levar libros.

Dentro desa dinámica, solicitamos á Asesoria de bibliotecas escolares dúas maletas viaxeiras que nos chegaron repletas de material  para traballar en, e  coas, familias. Este material pode levarse en préstamo ata o 15 de novembro, pero debido a que ao elevado número que conforma a nosa comunidade educativa, nesta ocasión a actividade está dirixida, primordialmente, ás familias de 3º e 4º.

E, por suposto, as suxestións feitas a Lulu, tamén contan. Na avaliación da biblioteca realizada o curso pasado, comprobouse que o alumnado solicitaba material para gozar do recreo realizando "pasatempos". Por tanto, adquiríronse fondos deste tipo que as axudantes da biblioteca presentaron polas aulas. Agora xa está a disposición de todas e de todos: hai que seleccionar o xogo (hainos de diferentes tipos e para as diversas idades); ler moi ben as indicacións antes de realizalo e, finalmente, pedir aos axudantes da biblioteca que nos recorten a ficha apara levar para a casa.



E coincidindo coa celebración da Semana das bibliotecas, o usuario que máis empréstitos solicitou e levou o curso 2015-16, recibiu un pequeno agasallo da biblioteca de Lulu. Parabéns a Hugo e a ver quen se anima este ano a imitalo!

HAI QUE PREPARAR O CALENDARIO DE 2017

Xa vai quedando menos para despedir o 2016. E como todos os anos desde o equipo de dinamización da biblioteca, coa colaboración do noso alumnado, crearemos o calendario de recomendacións lectoras para o 2017.

Como seguro que será un calendario de fábula, as ilustracións farán referencia a este tipo de narracións. Pero como hai tantas, cales elixir?

Se queres axudarlle a Lulu na selección, encontrarás papeletas para votar no andar da biblioteca. Podes seleccionar ata cinco, e as gañadoras, compoñerán o noso calendario...

Anímate a participar! Tes de prazo ata o 15 de novembro



TEMOS NOVO MATERIAL

As primeiras novidades vanse incorporando á biblioteca de Lulu.

En breve, poderedes levalas en préstamo.



30 sept 2016

ÁBRESE A TEMPADA 2016-17



Como todos os anos, a biblioteca de Lulu, que é a da comunidade educativa do CEIP López Ferreiro, abre as súas portas coincidindo coa chegada do mes de outubro.

Xa hai novidades editoriais para recibirvos; están programados pequenos concursos para desenvolver o gusto pola lectura; reservouse un espazo nos horarios para a formación de usuarios...E hai nenas e nenos que coñecen a data reservada para achegarse á biblioteca ou aos obradoiros creativos.

E é que este curso, no que se traballará como Proxecto Documental Integrado as fábulas, os mitos e as lendas, non podía faltar a lembranza a Penélope: calcetando pompóns, chegaremos ata a obra de Carlos Casares.

E para as casas, xa están dispostas as mochilas viaxeiras. Procurouse ter en conta, na medida do posible, as suxestións expostas nos cadernos durante estes cursos. Así, os máis pequenos disporán de máis tempo para tela na casa; e os maiores, poderán xogar dun xeito cooperativo con toda a familia.
Serán distintas maneiras  de ler na que estaremos acompañadas e acompañados polos axudantes da biblioteca.

Así que xa sabedes onde Lulu vos agarda: na biblioteca do CEIP López Ferreiro.