A biblioteca de Lulu quere promover a lectura entre as súas usuarias e usuarios durante todo o curso, pero máis especialmente nestes días próximos ao Nadal.
É por iso que Lulu, a nosa mascota, preparou unha cesta con libros que se sorteará o 14 de decembro. Se queres participar, é necesario posuír unha rifa que se entregará ao retirar un préstamo durante os recreos da biblioteca. Se en dous días non aparece a rifa gañadora, procederase novamente ao sorteo o día 16.
Así que se queres ter un agasallo por adiantado, visita a biblioteca e anímate a participar!
27 nov 2016
21 nov 2016
25 DE NOVEMBRO: DÍA DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO
O Equipo de dinamización da biblioteca do CEIP López Ferreiro, elaborou este boletín con diversos recursos para traballar a igualdade nunha data na que se recorda que aínda hai violencias invisibles...
18 nov 2016
NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO
Tamén na nosa biblioteca se celebrou. Primeiramente, realizouse unha exposición con material de ciencias en lingua galega. Sobre esa exposición o alumnado de 6º creou un xogo de tarxetas para que as compañeiras e compañeiros buscaran a resposta entre o material exposto.
A NOSA TRADICIÓN ORAL
Dentro do calendario do libro e da lectura, a primeira semana de novembro está adicada a literatura de tradición oral: lerias, contos, lendas, cantigas, refráns, xogos de palabras, cancións..., manifestacións que se transmitían de boca en boca, e que forman unha das bases da nosa cultura.
O alumnado do López Ferreiro, e as súas familias, non quixeron esquecerse deste legado dos nosos devanceiros. Por iso recolleron contos, lendas, poemas, e mesmo xogos e xoguetes no caso dos maiores, e presentáronse no IV Maratón de tradición oral, convocado pola biblioteca pública Ánxel Casal.
É de destacar que tamén o alumnado que procede de familias foráneas expuxo as súas manifestacións. Deste xeito tamén descubrimos que as nenas e os nenos de todos os lugares xogan e teñen tradicións moi parecidas no que é a súa primeira socialización.
ACTIVIDADES A PROL DA DINAMIZACIÓN LECTORA
Como nos cursos anteriores, este mes de novembro comezamos as actividades de dinamización lectora entre as familias e mais as nenas e os nenos.
E queremos empezar lembrando a un profesor galego, e xa todo un clásico como escritor na nosa lingua, que nos deixou no verán de 2016: Agustín Fernández Paz. A ocasión, serviranos para comentar o seu libro Malos tempos para os fantasmas, e tamén para valorar as súas calidades humanas a partires do visionado en vídeo dalgúns momentos que compartiu co alumnado do López Ferreiro.

E como tamén neste mes hai unha data especial para lembrar a non violencia de xénero, o Equipo de dinamización da biblioteca decidiu dar a coñecer o conto La princesa Laca. Para iso, o día 29, familias e alumnado estan convidados á representación do conto na biblioteca, a partires das seis da tarde.
30 oct 2016
CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS
Nesta ocasión, visitounos Mabela Casal Rey, directora da biblioteca da USC. Grazas a ela constatamos que hai diferenzas entre a biblioteca universitaria e a nosa: a súa ten moitos máis anos de antigüidade e, por tanto, non é comparable o número de volumes, e o seu material está dirixido a un público adulto que tenta ser especialista nunha materia.
Pero hai algo que nos une: as bibliotecas non poden ser un almacén de libros...Hai que facelas dinámicas e eixos transversais no proceso de ensinanza e aprendizaxe, algo que se dá en todos os momentos da vida.
Polo de pronto, ese día algunhas nenas e nenos de tres anos xa comezaron a levar libros.
Dentro desa dinámica, solicitamos á Asesoria de bibliotecas escolares dúas maletas viaxeiras que nos chegaron repletas de material para traballar en, e coas, familias. Este material pode levarse en préstamo ata o 15 de novembro, pero debido a que ao elevado número que conforma a nosa comunidade educativa, nesta ocasión a actividade está dirixida, primordialmente, ás familias de 3º e 4º.
E, por suposto, as suxestións feitas a Lulu, tamén contan. Na avaliación da biblioteca realizada o curso pasado, comprobouse que o alumnado solicitaba material para gozar do recreo realizando "pasatempos". Por tanto, adquiríronse fondos deste tipo que as axudantes da biblioteca presentaron polas aulas. Agora xa está a disposición de todas e de todos: hai que seleccionar o xogo (hainos de diferentes tipos e para as diversas idades); ler moi ben as indicacións antes de realizalo e, finalmente, pedir aos axudantes da biblioteca que nos recorten a ficha apara levar para a casa.
E coincidindo coa celebración da Semana das bibliotecas, o usuario que máis empréstitos solicitou e levou o curso 2015-16, recibiu un pequeno agasallo da biblioteca de Lulu. Parabéns a Hugo e a ver quen se anima este ano a imitalo!
HAI QUE PREPARAR O CALENDARIO DE 2017
Xa vai quedando menos para despedir o 2016. E como todos os anos desde o equipo de dinamización da biblioteca, coa colaboración do noso alumnado, crearemos o calendario de recomendacións lectoras para o 2017.
Como seguro que será un calendario de fábula, as ilustracións farán referencia a este tipo de narracións. Pero como hai tantas, cales elixir?
Se queres axudarlle a Lulu na selección, encontrarás papeletas para votar no andar da biblioteca. Podes seleccionar ata cinco, e as gañadoras, compoñerán o noso calendario...
Anímate a participar! Tes de prazo ata o 15 de novembro
Como seguro que será un calendario de fábula, as ilustracións farán referencia a este tipo de narracións. Pero como hai tantas, cales elixir?
Se queres axudarlle a Lulu na selección, encontrarás papeletas para votar no andar da biblioteca. Podes seleccionar ata cinco, e as gañadoras, compoñerán o noso calendario...
Anímate a participar! Tes de prazo ata o 15 de novembro
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

