27 nov 2024

VOLVEN OS ENCONTROS LECTORES!

O mércores 20 de novembro comezaron os encontros lectores do Club de Lectura do López Ferreiro. É un traballo colaborativo desenvolvido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca, que coordina a proposta. O Equipo da Biblioteca Helena Villar participa da iniciativa da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, dentro das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares. E este ano, ademais dos dous clubs de lectura habituais para o alumnado, engadimos un para persoas adultas no que xa están a participar media ducia de familias. Este proxecto contou, nesta ocasión, coa mediación lectora de María Cortizo, do Equipo de Biblioteca, de Alberto Martínez, do EDLG, e de Mari Carmen Montero, anterior directora do centro, que puxo en marcha esta idea na súa etapa como coordinadora da Biblioteca hai máis dunha década.

22 may 2024

LETRAS GALEGAS NA BIBLIOTECA HELENA VILLAR

A biblioteca Helena Villar contribuiu a difundir a orixe da nosa lingua e o porqué da
celebración do Día das Letras Galegas cun podcast especial en Lulu nas Ondas,
elaborado polo alumnado de 4º, 5º e 6º.

Asemade, Marisa Irimia presentou ás nenas e aos nenos do López Ferreiro a biografía
de Luísa Villalta como unha narración en forma de conto da Luísa nena. O relato estivo salpicado de fragmentos da obra poética da homenaxeada.


O día 15 de maio, realizouse unha breve ruta xograresca desde Bonaval ata a biblioteca
América, no pazo de Fonseca.
As nenas e os nenos amosáronlles ás súas familias aspectos históricos da nosa cidade
vencellados cos trobadores que viviron en Compostela, e así percorremos tamén os
inicios da nosa literatura.
A actividade rematou na biblioteca América, onde a súa encargada, Mabela, nos
deixou tocar e apreciar un facsímile do Libro das horas de Pedro I, datado no ano 1055 e considerado o libro máis antiguo de Galicia. No mesmo lugar, tamén se nos amosou parte do legado que a emigración supuxo para Galicia.


E o 5 de xuño, remataremos as actividades do nosos Encontros lectores coa lectura de
dous títulos que nos falan sobre o paso do tempo: Cando chega o outono e
Sobremesas sobre versos, coa presenza de Raquel Castro, autora deste último libro.

En resumo, diferentes propostas para distintas maneiras de ler.



23 abr 2024

23 DE ABRIL- DÍA DO LIBRO

No CEIP López Ferreiro celebramos o Día do Libro coa colaboración das familias e, por suposto, coa implicación do alumnado elaborando portadas de libros, e participando toda a comunidade educativa na votación para a elección dos favoritos.
Nas aulas tamén se fixeron actividades para a celebración deste día. 
Queredes ver o resultado?
 




8 abr 2024

ABRIL, MES DOS LIBROS: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL.

Para celebrar o Día do libro infantil e xuvenil, Marisa Irimia achegouse ao CEIP López Ferreiro, para amosar, ante unha biblioteca ateigada de ouvintes, que os contos serven para unir culturas, pois existen en todas elas.

E así, por medio do kamishibai, presentou “O gato sol”, conto tradicional vietnamita; logo, desde o Chad, tróuxonos a historia de “Por que hai tantas pedras no fondo dos ríos?”. Xa fóra de tempo amosounos “Hans e a princesa”, conto tradicional noruegués.



En definitiva, unha tarde na que grazas ao programa Lectura e familias, reflexionamos sobre a interculturalidade e na que se fortaleceron os vínculos entre o público adulto e o máis novo por medio da literatura tradicional; neste caso, representada.

21 mar 2024