13 dic 2015

CALENDARIO 2016

         
Xa está aquí o calendario do 2016, elaborado polo alumnado do López Ferreiro. 

 Chega ben cargadiño de recomendacións de diferentes libros, para que ninguén se esqueza que a lectura pode ser o mellor dos agasallos nestas datas que se aveciñan. 

 Un saúdo e moita felicidade para o 2016. 

10 dic 2015

PREGOEIRAS E PREGOEIROS DE COMPOSTELA: UNHA HISTORIA PARA-LELA.

Durante a Idade Media, a xente esperaba aos xograres, aos cegos, aos que regresaban das batallas..., para coñecer as novidades que se producían noutras terras. Así foron nacendo os romances, transmitíronse as lendas e cantigas, e leváronse innovacións de todo tipo dun lugar a outro...

As pregoeiras e os pregoeiros do S.XXI, xa dispoñen da imprenta para darnos a coñecer un novo material co que descubrir múltiples aventuras: a lectura. 



23 nov 2015

Na biblioteca comezamos a recibir a visita das e dos axudantes durante o
mes de setembro para formarse como "formadores de usuarias e usuarios";
en outubro, xa foi o alumnado do centro quen acudiu, e agora en
novembro, tamén os especialistas no mundo da lectura e da súa
interpretación.
Comezou unha mamá, Montse, profesora de literatura infantil na
USC, quen nos ofreceu unha lección ao tempo maxistral e participativa
sobre a vixencia dos contos clásicos na sociedade actual.
No encontro lector deste mes, Beatriz Maceda autora de O álbum de Garrincha, veu desde A Coruña para acompañarnos, descubrir e reflexionar sobre moitos aspectos que comparten a literatura, o mundo do fútbol e a integración social por medio do deporte. Todo un éxito!  E ao día seguinte, 25 de novembro, un autor clásico da literatura infantil e xuvenil actual: Gonzalo Moure, quen fixo partícipe ás nenas e nenos de 5º e 6º da súa paixón polos animais a partires de dous libros: Palabras de Caramelo e Fango.

11 nov 2015

APÓCEMAS SAMAÍN ESCRITAS POLO ALUMNADO DE 4º

Durante o Samaín, o alumnado de 4º decidiu axudar ás bruxas nas súas cociñas para espantar os medos. E este foi o resultado (se queres escoitar a música, activa o símbolo da voz).

20 oct 2015

UNHA ANDAINA QUE COMEZA

Comezamos no mes de outubro unha nova andaina na biblioteca do CEIP López Ferreiro.

Este curso xa temos algunhas actividades consolidadas: as tardes de Lemos un conto; os Encontros lectores; as mochilas viaxeiras; os préstamos dos libros...

Como proxecto documental común a todo o centro, este ano viaxaremos á historia, a ese momento no que Compostela comezou a desenvolverse como cidade. Pretendemos, deste xeito, coñecer algo máis de distintos puntos, personaxes, tradicións..., do lugar no que vivimos. Por iso  o título das diferentes actividades vai ser: A Idade Media en Compostela, unha historia para-lela.

Pouco a pouco iremos informando de distintas actividades, pero polo momento, quedamos cun obradoiro de escritura, no que se pretende que as nenas e nenos coñezan como os escribáns da Idade Media realizaban as súas letras...



10 jul 2015

UNHAS SUXESTIÓNS LECTORAS PARA ESTE VERÁN



Biblioteca do CEIP López Ferreiro.
Verán do 2015.


Estimadas amigas e amigos:

Nas vacacións que estades gozando, procurade quedar coas vosas compañeiras  e cos vosos compañeiros; visitar os parques; saír   bailar (despois da primeira peza, pérdese a vergonza); pasear; bañarse na piscina, no río ou na praia; facer manualidades; escribir notas; ir ao cine, ao teatro, a un museo... E visitar algunha biblioteca ou libraría.

Segurísimo que nelas atoparedes material que vos atraia; deixádevos aconsellar, e, como suxestión, aquí neste marcapáxinas  indicamos algunhas novidades que podedes consultar...Se o imprimides, faravos de acordante e, despois, aproveitarédelo nas vosas lecturas.

En calquera caso, pasade un moi bo verán.

Bicos de letras a todas e a todos.

Lulu.




23 jun 2015

CHEGAMOS AO FINAL DUNHA ANDAINA

Chegamos á fin do curso: recollida de maletas e mochilas viaxeiras; anotación das suxestións para os cursos próximos; avaliación da biblioteca e memorias; recordatorios para quen se esqueceu de devolver algún libro...

Os axudantes de 6º deixan os seus chalecos, símbolo das súas funcións.
E, sobre todo, GRATITUDE a toda a comunidade educativa polo seu labor para que a biblioteca do CEIP López Ferreiro fora un espazo dinamizador de actividades a partires e a prol da lectura:

 -Ao alumnado, que participou nas actividades que se propuxeron, moitas veces ocupando o seu tempo de lecer e facendo actividades que esixen un esforzo a maiores, como foi o caso das e dos axudantes da biblioteca; pero tamén de todas e todos  que propuxeron suxestións, e das e dos que prepararon actividades para presentárnolas fóra do noso horario lectivo.

-Ás familias, que souberon motivar na importancia da lectura e da escritura colaborando coas nosas propostas, e mesmo participando en actividades presenciais na biblioteca.

-Ao profesorado, que exerceu de intermediario entre a biblioteca, as familias e o alumnado, e creou estratexias para que as nenas e os nenos se interesaran por aprender a aprender grazas á lectura.

-A Amalia, a secretaria do centro, e á conserxe Sandra, que axudaron a informar e a visibilizar as nosas actividades.

-E grazas, por último, á ponte que nos ensinou a descubrir outras realidades, fantásticas ou reais, a reflexionar e a entender as múltiples formas de vida, é dicir,  O LIBRO. Mirade cales nos recomendan algunha xente que se vai este ano do centro:


 








A exposición dos nosos traballos de investigación.

29 may 2015

RAMÓN CARIDE

Para rematar os nosos encontros cos autores, e poñer o punto final a un proxecto documental que trataba sobre o medio ambiente, recibimos a visita de Ramón Caride, biólogo que se caracteriza nas súas obras por espertarnos a conciencia na defensa do Planeta.

18 may 2015

EN EDUCACIÓN INFANTIL TAMÉN SE LE




Xa temos reposto para os nosos obradoiros lectores! Marchan os de 6º, pero aquí están os de educación infantil que xa se atreven cun texto longo.
Así o demostraron con A viaxe da bolboretas: as mamás eran as narradoras, e elas e eles facían de personaxes. Despois, Laura, de 3ºA, ofreceunos o seu teatro das flores.

 E para rematar, un marcapáxinas artesanal. En forma de que? De bolboretas!

11 may 2015

EN ABRIL...FESTA COS LIBROS.


Se hai un mes no que se festexe os libros ese é sen dúbida o mes de abril, así que o equipo de dinamización da biblioteca programou para este mes algunhas actividades que resultaron do máis proveitoso.

ENTREGA DOS PREMIOS DO I CONCURSO DE POESÍA BIBLIOLULU

No mes de marzo  convocouse o I Concurso de poesía Bibliolulu. Foron case sesenta os poemas presentados, e o xurado tivo un duro traballo para seleccionar os gañadores en diferentes categorías.

Houbo diplomas, chapas e marcapáxinas para todas e todos. E as premiadas e os premiados, asemade, escolleron o seus agasallos en forma d elibro nunha librería, onde tamén se lles explicou como se encuadernaban antigamente os libros.

As caras das poetisas e dos poetas do CEIP López Ferreiro exprésano todo...







FOLLAS SOLIDARIAS


Entre o 23 de abril e día 30 organizouse unha feira de libros á que chamamos "Follas solidarias": libros descatalogados da biblioteca por produtos de hixiene para bebés ou nenos pequenos.

O material recollido entregouse á asociación Centinelas, que traballa con nais en risco de exclusión social.

Unha actividade que descubriu, unha vez máis, o sentido da solidariedade da nosa comunidade
educativa.



  




APADRIÑAMENTOS LECTORES



O alumnado de sexto preparou a lectura dun conto para os seus compañeiros e compañeiras de cinco anos. Pero tamén houbo que organizar estratexias para que a comprensión fora mellor e máis doada.



A experiencia resultoulles moi positiva e gratificante tanto aos maiores como aos máis novos, e estes, ao final agradeceron a lectura cun marcapáxinas-bolboreta confeccionado por eles. 







EXPOSICIÓN DE LIBROS E MATERIAL PARA TRABALLAR AS MATEMÁTICAS


Dentro do Plan Lía, a Asesoría de bibliotecas escolares propón que este curso se traballen conceptos matemáticos nas bibliotecas de Galicia.

No noso caso, organizamos unha exposición na que conceptos de organización espacial, razonamento lóxico, sucesións temporais, números e ata o humor aparecen entre os nosos libros.







RECORDAMOS ALGUNHAS ACTIVIDADES.

     Ao longo do curso fomos realizando distintas actividades que, por falta de tempo, non poidemos subir ao blog no seu momento.
     Unha delas levounos ata a biblioteca Ánxel Casal para recordar algunhas pezas que forman parte da nosa literatura oral, e que nós, temos a obriga de non esquecela, pois forma parte da tradición cultural que nos deixaron os nosos antergos.

19 abr 2015

24 DE MARZO, DÍA DO TEATRO

Lecturas interpretadas, recitacións, teatro lido...Esta forma de ler é un xogo para as nenas e os nenos e, xa que logo, a mellor maneira de que se interesen por mellorar a técnica lectora: practican dición, superan o medo ao ridículo e, sobre todo, deben empatizar cos personaxes e respectar as normas dunha actividade colectiva para acadar un obxectivo común.

 O día 24 de marzo, representamos no López Ferreiro a adaptación da obra
A pantasma da torre de Lourdes Maceiras, unha escritora que tamén é mamá dunha alumna do centro.

 Como en toda estrea que se prece, houbo fallos de son e quedamos sen vídeo, pero a experiencia para os actores e as actrices, e para as familias, foi do máis gratificante. 

15 abr 2015

ANDA UN CONTO VIAXANDO POLOS COLEXIOS DE COMPOSTELA!



"Na horta de Rocío Fraguela, a muller máis avarenta de toda Compostela, hai todo un mundo de vida que lle impiden a Rocío acadar o seu obxectivo..."

Este está a ser o argumento do conto viaxeiro que, baixo o patrocinio do concello de Santiago, se está a compoñer por distintos centros educativos da cidade.

Ao CEIP López Ferreiro chegou o 10 de marzo, e participou nesta autoría colectiva o alumnado de 3ºA e de 2ºB.

En definitiva, un bo recurso para dinamizar a lectura e coñecer a partires da práctica escrita, a estrutura tradicional dun texto narrativo. 

12 abr 2015

UN MES DA ÁRBORE COA POESÍA.



Na avaliación realizada o curso pasado sobre as actividades da biblioteca, observamos con sorpresa que o xénero literario menos apreciado entre o noso alumnado era a poesía.

Así pois, e tendo en conta que o 21 de marzo é o Día da poesía,o equipo de dinamización da biblioteca, decidiu adicarlle todo o mes de marzo a este xeito de ler, compoñer e expresarse.



  • Elaborouse e distribuise nas clases un caderno con estratexias para crear poesía.


  • Cos poemas creados, o alumnado de 6º realizou un intercambio de lecturas na "hora de ler".

  • Os corredores decoráronse con poemas da nosa literatura con temática sobre as árbores. Neste senso temos que agradecerlle ao CEIP Víctor Sanz de Mazaricos a súa magnífica recompilación titulada "A árbore feita poesía".




  • Durante os recreos de marzo, o alumnado visitante da biblioteca recitaba voluntariamente algunhas composicións de autores coñecidos.


  • O día 24 de marzo, o alumnado 3º e 4º recitou para as familias, e tamén para as súas compañeiras e compañeiros...Unha maneira de observar que a poesía tamén é divertida.




  • Convocouse un concurso de poemas sobre as árbores para conxuntar as celebracións do "Día da árbore"e do"Día da poesía". Os premios entregaranse o 23 de abril, coincidindo co "Día do libro", pero mentres, aquí van tres exemplos presentados:



MANUEL RIVAS COAS NENAS E NENOS DE 3º DO LÓPEZ FERREIRO.







MANUEL RIVAS

16 mar 2015

GONZALO MOURE

Unha das visitas que esperabamos no cole era a de Gonzalo Moure. Xa chegou.Estivo falando durante unha hora co alumnado de 5º e 6º que leu algún dos seus libros: "Palabras de Caramelo", "En un bosque de hoja caduca", "Los caballos de mi tío"...Ao final ata houbo sinatura de autógrafos! Mostrámosvos parte dese acontecemento.


8 DE MARZO DÍA DA MULLER

   O día 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller. As mulleres do centro tamén estamos orgullosas do labor que desempeñamos día a día, co noso NOME PROPIO.



5 mar 2015

TEATRO DO KAMISHIBAI

O martes día 3 de marzo representouse na biblioteca un conto tradicional africano   Por que hai pedras no fondo do río? .
Vexan, vexan, esta nova experiencia!

25 ene 2015

VISITA DE AUTORES Á NOSA BIBLIOTECA

Neste trimestre recibiremos a visita dalgúns autores que coñecemos polos seus libros. A primeira en achegarse foi Rosa Huertas, que explicou o proceso creativo ao alumnado de 6º.  Tamén o contacontos Iago lle presentou o alumnado de Educación Infantil o conto Augusta e os seus medos.



En marzo, coñeceremos a Manuel Rivas, Gonzalo Moure e Ramón Caride.
Se queredes saber algo máis sobre eles clicade no seu nome.


Rosa Huertas
Gonzalo Moure





Ramón Caride
Manuel Rivas



19 ene 2015

NOVA MALETA VIAXEIRA



Estas son as maletas que os Reis Magos trouxeron para que as nenas e os nenos de tres e catro anos poidan gozar da lectura coas súas familias.
Esperemos que sexan moi entretidas para todos.
Disfrutade!



A LIBRERÍA NA ESCOLA

A achega de libros á escola foi unha experiencia positiva e moi frutífera para os mestres e mestras, pais, nais, nenos e nenas.


UN NOVO ANO

Comezamos un novo ano, pero aínda temos algunha novidade que mostrar do anterior: as nenas e os nenos de 2º B fixéronnos unha mostra de tradición oral con adiviñas, chistes e trabalinguas...



 No mesmo encontro, un papá animouse a participar nos encontros lectores, e, deste xeito tamén coñecemos a historia de Scrooge de forma oral.




Prometemos continuar con estes e outros contacontos no novo ano. Quen se anima?