17 nov 2020

SAMAÍN E MAGOSTO NO LÓPEZ FERREIRO

Estamos nun curso escolar no que as celebracións que nos unen como colectividade, hai que celebralas dun xeito distinto. 

E así, para o Samaín, as familias e mais alumnado, xunto co Equipo de actividades extraescolares, organizaron unha decoración especial que nos fixo espantar os medos e divertirnos. Ademais, nalgunhas clases traballáronse contos de medo. A bruxa Regañadentes, os rapaces de A Figueira de Pelostortos, a cabaza de Corre Corre Cabaciña, os exemplares de Mortiña ou Minimortos, e boa parte da literatura de bruxas e vampiros saiu da biblioteca...E as nenas e os nenos de 6ºA crearon as súas composicións baseadas nos personaxes desta época. 

 O día 13, celebramos o magosto nas aulas, mais o alumnado de educación infantil, 1º e 2º, realizou outra maneira de ler: programaron os BeeBoots para que souberan avanzar cara unha cantiga do magosto, que ao final debían ler... No seguinte muro, pode observarse a constancia do realizado.



Hecho con Padlet

7 nov 2020

CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS

O Día das Letras Galegas na nosa biblioteca, foi unha celebración en varias fases.
 Comezamos no mes de marzo cun concurso no que se debía buscar información, entre o material da biblioteca,  sobre o porqué desta data e o autor homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero. Poucos días despois, houbo que confinarse e a actividade quedou interrompida.
Mais sabemos que o xeito de programar tarefas online, veu para quedarse. Por iso, o Equipo de dinamización da biblioteca, ofreceu información na rede e volveu convocar o concurso coincidindo co 17 de maio. 
O 28 de outubro, entregáronse os agasallos nas clases ás gañadoras e aos gañadores. Decidiuse que fora nesta data para que a súa importancia non se vira mermada polo Samaín.
A cara de felicidade destas nenas e destes nenos é todo un símbolo de que con xente así, interesada pola nosa lingua e a nosa cultura, o galego poderá vivir mil primaveras máis.

Parabéns!!

22 oct 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS NO CEIP LÓPEZ FERREIRO

A lectura sae das páxinas en papel: unha imaxe, un videoxogo,  unha curtametraxe...Calquera medio audiovisual, ofrece novas formas de lectura que as nenas e os nenos do S. XXI teñen que aprender a decodificar dun xeito crítico.

No Día das bibliotecas ímolo intentar! Lulu agarda que vexades estas curtametraxes, e que logo, nos enviedes a vosa opinión  xustificada desde o respecto e a crítica construtiva. 

Para as nenas e nenos de educación infantil, e tamén para 1º e 2º de educación primaria, presentamos O incrible neno devorador de libros.

Despois do vídeo, aparecen unhas fichas orientativas para analizar e comentar esta curtametraxe.


 







E para as nenas e nenos e 3º, 4º e 5º, aquí está a historia de Los fantásticos Libros Voladores del Sr. Morris Lessmore, así como as fichas que se poden acompanar na súa análise e reflexión.


 

21 oct 2020

A BIBLIOTECA DE LULU, ÁBRECHE AS PORTAS...

Lulu botaba de menos a presenza das nenas e dos nenos do López Ferreiro na súa biblioteca. 

Así que adaptouna ás normas da situación Covid, e xa houbo quen lle fixo unha visita. 

As súas portas para a lectura seguen abertas...













22 sept 2020

XEOGRAFÍAS LECTORAS E ESCRITORAS: HAI QUE COÑECELAS


Na sociedade do S.XXI, e aínda máis nos tempos que nos toca vivir, a lectura e a escritura tamén se adaptan: o papel e os lapis, van deixando paso a novas ferramentas coas que comunicarse. 

As bibliotecas non poden, nin deben, ser alleas a esta realidade social, polo que no Proxecto Documental Integrado deste curso, as nenas e os nenos experimentarán coa tecnoloxía para localizar as informacións e dárnolas a coñecer. 

Todo unha experiencia na que haberá que remar (ás veces contra a corrente), escalar, patinar, planear, viaxar, divulgar...E sobre todo, descubrir. 

De seguro que estas ferramentas axudarán no proceso de lectura e de escritura que este curso se propón ao xeito das xeografías lectoras (e escritoras).

 

2 jun 2020

A BIBLIOTECA TAMÉN CONTRIBÚE AO USO DE MÁSCARAS

A fin do curso vaise achegando, mais con respecto ás semanas anteriores o cambio é que agora para saír teremos que levar máscaras tanto nenos como maiores.

Cara o vindeiro curso case seguro que voltaremos todos e todas a escola con máscaras e distancia social. Para explicar ás máis pequenas e pequenos da casa que a máscara non é un disfrace, presentamos estes contos que pretenden axudarlles a entender mellor as novas circunstancias.

 Os disfraces quítanse e póñense, tócanse e gárdanse no caixón dos xoguetes. Pero a máscara non é un xoguete: temos que poñela e quitala con coidado, ademais dá calor e ás veces pica... Probablemente un elemento tan indispensable para o vindeiro curso como a mochila.


 




8 may 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020

Preparámonos para celebrar o Día das Letras Galegas. Farémolo fóra da escola, pero queremos achegarvos igualmente información e actividades sobre a figura homenaxeada, Ricardo Carballo Calero. Deste xeito poderedes achegarvos a este autor desde a casa.
En primeiro lugar, premendo na imaxe podedes consultar unha presentación sobre a vida e obra do autor ferrolán. Este enlace lévavos á aula virtual do colexio. Se vos pide algún contrasinal, premende en acceso como convidado.
https://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplopezferreiro/aulavirtual2/pluginfile.php/1794/mod_resource/content/1/Carballo Calero. LETRAS 2020.pdf 
Despois de consultar a presentación, xa estades preparadas e preparados para completar as actividades interactivas, ás que podedes acceder premendo nesta outra imaxe:



https://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplopezferreiro/aulavirtual2/mod/scorm/player.php?a=5&currentorg=&scoid=0&sesskey=dTkepQM1nx&display=popup&mode=normal














"As pitas baixo a choiva", de Ricardo Carvalho Calero  

https://issuu.com/bucle/docs/as_pitas

Álbum ilustrado co texto orixinal do relato "As pitas baixo a choiva", publicado por don Ricardo Carvalho Calero na revista arxentina Lar en 1952. 




https://view.genial.ly/5eb810b62fb48d0d930bb838/presentation-as-pitas-baixo-a-choiva
Os máis pequenos tamén podemos facer actividades co libro As pitas baixo a choiva.


















7 abr 2020

MES DO LIBRO ... DESDE A CASA

Neste mes de abril (o mes do libro por excelencia), a nosa comunidade educativa anímanos a ler cunhas suxestións altamente recomendables. 
Dámoslle as grazas a participantes. 

Desfrutade de boas lecturas e compartídeas!








29 mar 2020

SUXESTIÓNS PARA UN TEMPO DE CUARENTENA




O Principiño.


Algunhas editorias subiron á rede diferentes títulos, e mesmo nalgúns casos clasificados por idades. Como sempre dicimos, esa clasificación é orientativa, xa que o importante é que a lectura nos deixe un pouso e nos reformule dúbidas e preguntas…Probamos a intentalo?
Clicade en cada editorial e seguro que encontrades unha lectura que vos espera:







CONTOS NARRADOS (axeitados para quen se inicia na lectura)















HISTORIAS PARA A INCLUSIÓN EDUCATIVA


Algunhas nenas e algúns nenos necesitan apoios especiais para entender o que contan as lecturas. Aquí atoparán algún recursos:

Preténdese que interioricen as precaucións que hai que tomar estes días fronte ao #Covid_19 transmitíndolles unha mensaxe de esperanza e de valor na vida. Presentamos a versión adaptada a pictogramas de ARASAAC e LSE do conto orixinal. 

Conto interactivo subtitulado con pictogramas de ARASAAC no  que  se vai "debuxando" pouco a pouco o gato coas fichas do Tangram.


Sabela ten que quedar na casa por mor do coronavirus. Descubre como pasa o tempo e canta a súa canción!




PARA VIAXAR E COÑECER DESDE A CASA


                     


XOGOS  E  MANUALIDADES

O xogo do tabú en galego  (non se pode definir coas palabras prohibidas).

Xogo de enredos  elaborado polo alumnado do IES de Carral

Coronavirus  Material descargable con información, e fichas para xogar e pintar.


C
CURTAS

A maior flor do mundo  (baseado na obra de Jose Saramago)

TEATRO



E ALGO PAROU A NOSA ACTIVIDADE


O día 12, despois do recreo, recibimos a noticia...

Estabamos, dalgún xeito, en obras na nosa biblioteca, xa que andamos na teima de habilitar a sala de usos múltiples como un espazo a maiores para as actividades dunha biblioteca creativa. Menos mal que deu tempo a colocar  a tarima para o teatro e as conferencias!

Día de Rosalía, cadrou co Entroido. Así que decidimos xuntar a súa celebración xunto a do 8 de marzo: cada clase estaba a recrear un poema de denuncia social de Rosalía, para logo visualizalo no patio. Mesmo os expositores xa estaban mercados e no centro!

E para o Día da poesía, queriamos encher con versos o noso patio: as tiras de fitas, escritas polas nenas e nenos, tiñan que voar co vento para levar os nosos poemas.

E o VI concurso de poesía, que nesta ocasión chamaríase "Poemas ao Pichel," quedou sen convocarse...

E non nos deu tempo a recibir a Teresa González Costa, a Héctor Cajaraville, a Helena Villar Janeiro, a Pere Tobaruela, a Paula Carballeira..., con quen xa tiñamos día  e hora apalabrados para que nos acompañaran.

E o Club de lectura, no que iamos coincidir as dúas seccións que se levan a cabo, para ler Un estraño agasallo.

E o Concurso das Letras Galegas que xa comezaramos na biblioteca.

Si, un mes repleto de actividades que un virus con coroa, como se fose o protagonista dun conto, nos fixo parar...

Pero xuntas e xuntos imos conseguir que pronto nos encontremos e retomemos estas actividades aínda con máis ánimo, máis motivación e máis forza para levalas a cabo.

As heroínas e os heroes dos nosos libros, son os que loitan contra as dificultades, e nunca se deixan vencer.

Saúde a todas  e mais a todos, que xa nos queda menos para a volta. Pero mentres, mirade algunhas das miñas propostas.

Lulu.

ROTA ROSALIANA POR COMPOSTELA: CEIP DE PALMEIRA E LÓPEZ FERREIRO


O alumnado de 5º do CEIP López Ferreiro, está a realizar un "Proxecto correspondencia" co CEIP de Palmeira. 

 O martes, 10 de marzo, no marco da celebración do Día de Rosalía e do Día Internacional da muller, o alumnado de Ribeira foi recibido polos nosos escolares, que lle amosaron os lugares significativos de Compostela en relación coa biografía da poetisa...E, por outra banda, as compañeiras e compañeiros de Ribeira traían preparados os poemas para ler en cada un dos lugares que visitamos.

 Unha experiencia realmente máxica, tanto polo coñecemento que lles aportou da obra e da vida de Rosalía de Castro, como pola boa convivencia que amosaron as e os representantes dos dous centros.

 E é que, en definitiva, ROSALÍA UNE.


 

28 mar 2020

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


Estase a desenvolver no centro o PFPP  "A coeducación emocional, afectiva e sexual dende unha perspectiva de xénero".

Para celebrar o 8M, este grupo de traballo decidiu que  había que visibilizar ás mulleres baixo o título de "Pegadas".

E que mellor para iso que un zapato feminino? O alumnado de diferentes clases, comandado polas profes de cuarto de educación infantil, trouxo diferentes modelos que se foron colocando con imaxes e sinxelos textos alusivos ás persoas que representaban.

O resultado? Unha exposición espectacular, na que se mistura a linguaxe icónica e a escrita, ao tempo que se aprende a buscar información.








27 mar 2020

ROSA ANEIROS E EVA MEJUTO NA NOSA BIBLIOTECA







Xa vén sendo habitual que, no segundo e terceiro trimestres de curso, nos acompañen diferentes autoras e autores para comentarmos as súas obras, as estratexias que seguen para escribir, o nacemento da súa inquietude lectora e escritora...

O 26 de febreiro, o alumnado de 5º interaccionou sobre estas e outras cuestións con Rosa Aneiros. Os personaxes de Xelís, o guieiro das botellas de mar encheron boa parte da conversa. Pero o que máis lles impactou, foi a relevancia dos microplásticos, e a súa incidencia na contaminación mariña.
Rosa suxeriu ter moito coidado nas praias coas cabichas, paus de chupa-chups, envoltorios, tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, e sobre todo, cos bastonciños de algodón. Ademais de lixar a paisaxe, constitúen un perigo para a fauna e a flora mariña, e por tanto, para os seres humanos, xa que nós alimentámonos delas.

E o 1 de marzo, as nenas e os nenos de 1º, contaron coa presenza de Eva Mejuto, de quen xa tiñan lido o seu gran éxito Dez gatiñas viaxeiras. As gatiñas de Eva, percorren Galiza coas súas mochilas; e as nosas nenas e os nosos nenos, viaxaron compoñendo historias coa autora. E para iso,  utilizaron o seu mellor medio: a imaxinación.


Esperamos con ansia xa a Teresa González Costa, a Héctor Cajaraville, a Helena Villar Janeiro, a Pere Tobaruela, a Paula Carballeira..., e a todos vós, as lectoras e os lectores dos seus libros.

9 mar 2020

OBRADOIRO "MANGA"


Durante o mes de febreiro, nenas e nenos de 5º organizaron un taller de manga para alumnado de 3º,4º e 5º. A actividade tivo lugar durante os recreos dos martes.

Unha maneira de coñecer outros modos de expresarse e outra cultura desde a perspectiva infantil!