29 mar 2020

E ALGO PAROU A NOSA ACTIVIDADE


O día 12, despois do recreo, recibimos a noticia...

Estabamos, dalgún xeito, en obras na nosa biblioteca, xa que andamos na teima de habilitar a sala de usos múltiples como un espazo a maiores para as actividades dunha biblioteca creativa. Menos mal que deu tempo a colocar  a tarima para o teatro e as conferencias!

Día de Rosalía, cadrou co Entroido. Así que decidimos xuntar a súa celebración xunto a do 8 de marzo: cada clase estaba a recrear un poema de denuncia social de Rosalía, para logo visualizalo no patio. Mesmo os expositores xa estaban mercados e no centro!

E para o Día da poesía, queriamos encher con versos o noso patio: as tiras de fitas, escritas polas nenas e nenos, tiñan que voar co vento para levar os nosos poemas.

E o VI concurso de poesía, que nesta ocasión chamaríase "Poemas ao Pichel," quedou sen convocarse...

E non nos deu tempo a recibir a Teresa González Costa, a Héctor Cajaraville, a Helena Villar Janeiro, a Pere Tobaruela, a Paula Carballeira..., con quen xa tiñamos día  e hora apalabrados para que nos acompañaran.

E o Club de lectura, no que iamos coincidir as dúas seccións que se levan a cabo, para ler Un estraño agasallo.

E o Concurso das Letras Galegas que xa comezaramos na biblioteca.

Si, un mes repleto de actividades que un virus con coroa, como se fose o protagonista dun conto, nos fixo parar...

Pero xuntas e xuntos imos conseguir que pronto nos encontremos e retomemos estas actividades aínda con máis ánimo, máis motivación e máis forza para levalas a cabo.

As heroínas e os heroes dos nosos libros, son os que loitan contra as dificultades, e nunca se deixan vencer.

Saúde a todas  e mais a todos, que xa nos queda menos para a volta. Pero mentres, mirade algunhas das miñas propostas.

Lulu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario