7 may 2016

INVESTIGAMOS E CREAMOS LIBROS VIRTUAIS.


Na biblioteca realizamos tarefas de animación á lectura; tamén de formación de usuarios, é dicir, de como desenvolverse nunha biblioteca e localizar o material necesario...Pero todo iso, con que finalidade? Para ensinarlles como buscar unha información; para desenvolver entre as nenas e nenos o sentido lúdico que se pode extraer dunha lectura; para favorecer o traballo cooperativo; para potenciar as habilidades creativas e artísticas entre o alumnado...En definitiva, para aprender a aprender.

Os presentes libros virtuais, elaborados grazas ao apoio e colaboración do equipo de novas tecnoloxías do centro, amosan unha parte do labor feito a partires do Proxecto documental integrado no que participa todo o centro: "A Idade Media en Compostela, unha historia para-lela". Atoparán contos; poemas; mostras de literatura oral; traballos de investigación que versan sobre os oficios medievais, os alimentos desta época, os camiños a Santiago e os seus símbolos...

Así que...Poñan os lectores a funcionar.

2 may 2016

AUDIO LIBRO: ANACOS DE TRADICIÓN ORAL




A transmisión de historias durante a Idade Media facíase, esencialmente, de xeito oral. O alumnado do López Ferreiro, coa axuda das súas familias, recolleu algunhas desas manifestacións e con elas compúxose este audiolibro. Outra maneira de festexar o Día do libro!



29 abr 2016

VISITA DAS AUTORAS LEDICIA COSTAS E ANA ALONSO.



O 20 de abril, as nenas e os nenos de 4º coñeceron á escritora Ana Alonso, unha bióloga leonesa, ex-profesora, autora da colección "Pizca de sal", serie de libros que cun ton didáctico e á vez, ameno e divertido, achega os contidos curriculares desde outra perspectiva.

Nesta ocasión falaron sobre La herencia de Pedro, a historia dun neno orfo que abandona o mosteiro para converterse en cabaleiro...Canto pode aprenderse sobre a vida e os costumes da Idade media da man dun neno!


ANA ALONSO e LEDICIA COSTAS on PhotoPeach


Pero se hai unha escritora exitosa neste momento, esa é, sen dúbida, Ledicia Costas quen, asemade, escribe na nosa lingua.

Visitounos o 12 de abril e tentou responder a todas as preguntas das nenas e nenos de 4º e 5º sobre Escarlatina, a cociñeira defunta. Así, coñeceron que moitas situacións reflectidas no libro están baseadas en situacións reais (por exemplo cando Dodoto se meteu na lavadora), e mesmo que a ela lle chaman moitas veces "Escarlatina" no canto de Ledicia...

Por outra banda, resultoulle sorprendente que no CEIP López Ferreiro xa houbera lectoras e lectores do seu novo título, Esmeraldina, a pequena defunta. Sobre todo, tendo en conta que só había tres días que se publicara... Ao final, recibiu distintos agasallos personalizados (libros de receitas especiais, debuxos, poemas...), e Ledicia asinou, pacientemente todos os exemplares.

DÍA DO LIBRO 2016

Despois de todo un mes de marzo dedicado á poesía, había que outorgar os premios correspondentes ao II Concurso de poesía Bibliolu. E iso aconteceu xusto a véspera da celebración do Día do libro, é dicir, o 22 de abril.

Era imposible que todos gañaran, pero si houbo agasallos especiais polo esforzo e o tempo que cada quen soubo darlle a este xénero literario.Os poemas premiados presentaranse no blog nunha data próxima; e os poetas e poetisas, puideron ampliar as súas inquedanzas lectoras na libraría Couceiro de Santiago, onde, asemade, tamén escoitaron unha explicación sobre como fora a historia da edición dos libros...

28 mar 2016

MARZO: MES DA POESÍA



O Día de Rosalía celebrámolo no centro o 24 de febreiro, pero tamén se programara a realización dunha rota polos lugares máis significativos da biografía de Rosalía de Castro.
 
Despois de varios aprazamentos por cuestións meteorolóxicas, o alumnado de 6º xunto aos compoñentes do club de lectura do CEIP Arquitecto Casas Novoa da Sionlla, percorreron eses lugares, e acompañaron o itinerario coa lectura e coa música, dous compoñentes esenciais na vida e obra de Rosalía.





E durante todo este mes, o alumnado que acode á biblioteca ten a oportunidade de recitar diferentes estrofas e poemas seleccionados por elas e por eles. Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, Manuel María, García Lorca..., comparten tempo de lectura con autoras e autores que xa comezan a ser clásicos: Neira Cruz, Ana Mª Fernández, García Teijeiro...





 
 
Pero aínda queda máis: prepara un poema e preséntao ao II Concurso de poesía Bibliolulu. O Día do libro, sobe á biblioteca para comprobar se estás entre os gañadores.
 
 

1 mar 2016

ENTROIDO 2016

Polo entroido do López Ferreiro, pasaron moitos personaxes medievais: por exemplo, os fantásticos, coma os dragóns de educación infantil; ou os reis e raíñas de cinco anos, aos que acompañaron, facéndolle a corte, os cabaleiros de segundo e os trobadores de primeiro.

Para que non faltara algo que comer e beber, as nenas e nenos de 3º representaron os mesóns medievais. E neste mundo do medievo, non podían faltar as invasións, que, como estamos en Galicia, viñeron dos viquingos de quinto. Todo foi aderezado coas meigas e feiticeiros de cuarto e os personaxes que, como Robin Hood, representaban a xustiza entre un mundo de pobres.

Unha maneira lúdica de estudar, e de representar tamén, a época medieval.

NÓS TAMÉN CON ROSALÍA



Na nosa andaina para-lela de Compostela, non podía faltar a referencia á poetisa por excelencia de Galicia: Rosalía de Castro.

Rosalía viu a luz na nosa cidade, e foi aquí tamén onde desenvolveu as súas primeiras inquedanzas artísticas, e o lugar no que se relacionou con moitos dos intelectuais da época. Todo iso, xunto ás súas experiencias vitais, fíxolle tomar unha conciencia social que segue vixente nos nosos días.

O 24 de febreiro celébrase o seu "Día..", coincidindo coa data do seu nacemento. Nas clases do López Ferreiro, léronse poemas da escritora e realizáronse actividades sobre a súa vida e a obra. E desde a biblioteca, paseamos con ela polos lugares nos que viviu en Santiago, coa técnica do Kamishibai.

A véspera, presentamos a actividade a actividade ás familias. Rematouse cunha homenaxe musical por parte da alumna de 2º A Cecilia Soto, e do profesor da Real Filharmonía de Galicia, Luís Soto, que como papá tamén é membro da nosa comunidade educativa.

Mágoa que o tempo meteorolóxico nos impedira realizar a rota rosaliana por Santiago, programada co alumnado de 6º do noso centro e cos integrantes do club de lectura do CEIP Casa Novoa da Sionlla, que queda para o venres 11 de marzo.

 
NÓS TAMÉN CON ROSALÍA on PhotoPeach