26 jun 2019

XORNADAS DE ROBÓTICA

Xunto ao Equipo TIC do centro, deseñáronse unhas Xornadas de robótica que se desenvolveron nos recreos de abril e maio.

O alumnado de 5º monitorizou as actividades para as clases de 1º , 2º e 3º de primaria , mentres que o de 6º realizouno cos de 4º e 5º. De xeito colaborativo, amosáronlles as posibilidades da programación cos robots M-Bot, e para os de terceiro nivel con Scratch.

Ao rematar cada sesión, entregábase un diploma de participación, e para as monitoras e monitores houbo un diploma especial ao rematar as Xornadas. Unha experiencia que o alumnado quere repetir!!



PROXECTO "SENTINDO EN FEMININO"




Encarna Otero (profesora e divulgadora da cidade de santiago); Guadi Galego (cantante); Helena Villar Janeiro (poetisa e antiga profesora do centro); Cristy Tojo (parakarateca, campioa de Europa)...Mulleres galegas, que desde diferentes ámbitos, amosaron ao alumnado de sexto de educación infantil que en calquera faceta da vida pode, e ten que haber, unha muller.

Sentindo en feminino, como o título do seu proxecto, coñeceron a vida destas mulleres loitadoras  dos dereitos da maior parte da poboación...Dos dereitos das mulleres.


UNHA BIBLIOTECA SOLIDARIA


Nun PDI baseado na reflexión crítica sobre determinadas mensaxes que se nos transmiten, non podiamos esquecer valores cooperativos e solidarios. E así formouse un Grupo Solidario entre o alumnado de quinto e sexto nivel. Durante os recreos dos xoves e dos venres, analizaron e reflexionaron sobre as causas das diferenzas do desenvolvemento no Planeta, coa finalidade de propoñer algunha acción concreta, visible de cara á sociedade para axudar e sensibilizar.

No primeiro trimestre organizaron un Mercadiño solidario para o Nadal; a recadación destinouse á adquisición de material escolar para a escola Apóstolo Santiago de Sarh, no Chad. No segundo,  elaboraron por grupos un xornal no que recollían noticias, fotos e reportaxes relacionados co medio ambiente e a súa incidencia nos países menos desenvolvidos. E no terceiro trimestre están a realizar presentacións para expoñer ao alumnado de educación infantil sobre o maltrato animal; a educación como fonte de desenvolvemento; o cambio climático...

 Tamén se levou a cabo unha proposta desde febreiro ata xuño durante dous luns na hora do recreo coas nenas e cos nenos de 6º, para traballar resolución de conflitos entre iguais, que denominamos Educar no conflito. Centráronse na importancia de coñecer e educar as emocións e achegarse á negociación e a mediación como técnicas alternativas de xestión do conflito e ferramentas ao servizo dun modelo de convivencia pacífico baseado na participación, na colaboración e no diálogo. Esta actividade desenvolveuse por medio de xogos, a través dos que se pretendeu alcanzar obxectivos relacionados co desenvolvemento, a cohesión e a confianza no grupo. Tamén se quixo promover a capacidade de comunicación verbal e non verbal de xeito positivo e favorecer a capacidade de observación e análise do conflito.

 E asemade, grazas a AGARESO, realizouse un obradoiro de radio fóra do horario sobre comunicación transformadora. Ata crearon o seu propio programa, Onda solidaria.



10 jun 2019

OUTRA MANEIRA DE LER: A BANDA DESEÑADA E O TEATRO

Para celebrar o Día do libro, imos recibindo durante o mes de abril a diferentes autores: con Adrián Morgade, as nenas e os nenos de segundo aprenderon diferentes técnicas para facer un cómic; e con Celtia, o alumnado de sexto gozou cunha escenificación sobre a historia da nosa lingua, a galega. 










"PONTES PARA COÑECÉRMONOS", UN PROXECTO CON VILA REAL (PORTUGAL)


Un  proxecto ideado desde a biblioteca, cun eixo temático sobre a publicidade, neste caso para dar a coñecer as características que nos unen con Portugal,  foi premiado no concurso de proxectos escolares entre Concellos de Galicia e Portugal_Eixo Atlántico.
O proxecto Pontes para coñércemonos realizado polo alumnado de sexto do CEIP López Ferreiro representou a Compostela. E deste xeito, os nosos escolares desfrutaron de tres días en Vila Real, e recibimos no mes de maio ao alumnado portugués.
Pero antes, houbo que elaborar un arduo traballo que se desenvolveu en tres fases:
  • Motivación e coñecemento da lingua e cultura portuguesa,  e a súa relación coa galega baixo o título Por que nos separamos? Para coñecelo, realizouse unha entrevista á profesora da USC Isabel Morán, e o obradoiro de cociña portuguesa  en colaboración coa ANPA.
  • Unha segunda parte baseouse en analizar se Somos tan diferentes?; as nenas e os nenos buscaron información sobre os datos políticos, administrativos, poboacionais e climáticos da rexión de Tras Os Montes e Galicia, e amosáronos facendo diversas comparacións.
  • E xa finalmente, o alumnado de 6º visitou Vila Real e o portugués veu a Santiago de Compostela na primeira semana de maio. Compartiron momentos coa robótica para coñecer o Camiño Miñoto Ribeiro e un xogo quiz sobre diferentes monumentos e lugares de interese da cidade portuguesa.





ACHÉGATE A VILA REAL, PORQUE AÍNDA HAI MOITO POR  DESCUBRIR...EN PORTUGAL!!!!

MAIOS E LETRAS GALEGAS


Como é tradicional no López Ferreiro, celebrouse conxuntamente a festa do Maios e mais as Letras Galegas.
Arredor do maio que se confeccionou cos elementos vexetais aportados polas nenas e polos nenos, interpretáronse melodías galegas, e o alumnado de 6º recitou cantigas tradicionais sobre os diferentes oficios.
O acto rematou cun conto rimado recolleito por Antonio Fraguas:  O casamento da pulga e o rato. 

E, por suposto, tamén se entregaron os premios do concurso que sobre Antonio Fraguas e a súa obra se veu desenvolvendo na biblioteca desde febreiro; o agasallo consistiu nunha libreta e un lapis moi especial co que  recoller as nosas cantigas da tradición oral.