26 jun 2019

UNHA BIBLIOTECA SOLIDARIA


Nun PDI baseado na reflexión crítica sobre determinadas mensaxes que se nos transmiten, non podiamos esquecer valores cooperativos e solidarios. E así formouse un Grupo Solidario entre o alumnado de quinto e sexto nivel. Durante os recreos dos xoves e dos venres, analizaron e reflexionaron sobre as causas das diferenzas do desenvolvemento no Planeta, coa finalidade de propoñer algunha acción concreta, visible de cara á sociedade para axudar e sensibilizar.

No primeiro trimestre organizaron un Mercadiño solidario para o Nadal; a recadación destinouse á adquisición de material escolar para a escola Apóstolo Santiago de Sarh, no Chad. No segundo,  elaboraron por grupos un xornal no que recollían noticias, fotos e reportaxes relacionados co medio ambiente e a súa incidencia nos países menos desenvolvidos. E no terceiro trimestre están a realizar presentacións para expoñer ao alumnado de educación infantil sobre o maltrato animal; a educación como fonte de desenvolvemento; o cambio climático...

 Tamén se levou a cabo unha proposta desde febreiro ata xuño durante dous luns na hora do recreo coas nenas e cos nenos de 6º, para traballar resolución de conflitos entre iguais, que denominamos Educar no conflito. Centráronse na importancia de coñecer e educar as emocións e achegarse á negociación e a mediación como técnicas alternativas de xestión do conflito e ferramentas ao servizo dun modelo de convivencia pacífico baseado na participación, na colaboración e no diálogo. Esta actividade desenvolveuse por medio de xogos, a través dos que se pretendeu alcanzar obxectivos relacionados co desenvolvemento, a cohesión e a confianza no grupo. Tamén se quixo promover a capacidade de comunicación verbal e non verbal de xeito positivo e favorecer a capacidade de observación e análise do conflito.

 E asemade, grazas a AGARESO, realizouse un obradoiro de radio fóra do horario sobre comunicación transformadora. Ata crearon o seu propio programa, Onda solidaria.



No hay comentarios:

Publicar un comentario