13 dic 2019

ENCONTROS LECTORES



Como soe ser habitual desde hai cinco cursos, comezaron os encontros lectores en novembro.

 E a pesares da tarde de temporal, xuntouse un grupiño de lectoras interesadas en comentar a vixencia de Ana de las tejas verdes: a explotación laboral; a importancia da imaxe; o desexo de que nos queiran e nos acepten; o mundo da relixión, da escola, dos veciños..., plasmado desde  a perspectiva infantil, foron temas comentados arredor dunha merenda na biblioteca.

A próxima reunión será en xaneiro, e a proposta será Usha, de María Reimóndez.

Pero ademais, o 21 de xaneiro comezaremos cun club de lectura especialmente dirixido ás máis novas lectoras e aos máis novos lectores...E é que a mellor maneira de fomentar a lectura é compartíndoa.

E TAMÉN A SOLIDARIEDADE DÁ OS SEUS FROITOS!



Hai agora un ano, o grupo solidario da biblioteca do López Ferreiro organizou un mercadiño solidario para conseguir fondos para a escola  “Apóstolo Santiago” do Chad.
 A recadación superou todas as nosas expectativas: 950 €!!!
Tal como tiñamos previsto doamos os cartos ao proxecto do santiagués Ismael Piñón; a primeira fase das aulas de primaria xa estaba rematada grazas á colaboración da delegación de Santiago de “Manos Unidas”,  polo que a nosa aportación dirixiuse a mercar material escolar ou mercar os almorzos do alumnado de infantil durante 6 meses.
O pasado mes de xullo Ismael Piñón estivo en Santiago e explicounos que como a nosa aportación era tan xenerosa, pediu axuda a unha organización española para completala, e construíron unha casiña destinada aos alumnos e alumnas de infantil. ¡Nada máis e nada menos!
Os pais e nais enviaron un agasallo para nós: unha tea estampada por eles mesmos chea de cor e de agradecemento.
Este curso plantexámonos seguir aprendendo sobre solidariedade, igualdade, desenvolvemento e xustiza.
E seguiremos apoiando a escola de Chad que xa é tamén “a nosa escola”.




8 dic 2019

SEMANA DA TRADICIÓN ORAL

Desde hai uns anos, é habitual que o CEIP López Ferreiro colabore coa biblioteca pública Ánxel Casal na celebración da Semana de tradición oral.

E este curso, fomos convidadas e convidados de novo a participar no VI Maratón de tradición oral, no que participou o alumnado de 1º, de 2º e mais o de 5º.

Toda unha homenaxe á nosa literatura que se foi transmitindo de xeración en xeración.

Neste póster dixital podedes ver unha escolma do que alí fixo o citado alumnado.


30 nov 2019

25 N AS NOSAS PORTAS TAMÉN SON VIOLETAS.


Un dos obxectivos da lectura é a creación de conciencia crítica, e a nosa biblioteca, non pode ser allea en ningunha das súas actividades, e mais especialmente cando se recordan datas especiais como o Día Internacional contra a violencia de xénero.

E así, o alumnado de primeiro a cuarto de primaria participou no maratón de lectura sobre O libro dos porcos, tamén adaptado polos axudantes da biblioteca de 6º para educación infantil como se observa no vídeo inferior. E de cuarto a sexto, a lectura seleccionada foi Todas deberíamos ser feministas.







Por outra banda, non sabemos se Rozalén intuiría algunha vez o impacto que ía ter a súa canción "La puerta violeta", convertida en fenómeno viral e social, elixida por moitas e moitos como abandeirada do movemento feminista.

Como ben sabedes, o Equipo de Biblioteca propuxo "empapelar" de violeta as portas das aulas para conmemorar o 25N. Foi todo un éxito: todos os deseños son preciosos, as mensaxes están moi ben escollidas, desas mensaxes que teñen que formar parte do pensamento de toda a cidadanía.

Moitas grazas a vós alumnado, polo voso entusiasmo e polo esmero que puxestes. E moitas grazas a titoras e titores, por apuntarvos a un "bombardeo" se fai falta.

Aquí tedes o aspecto dos nosos corredores, nun vídeo que nos preparou Vanesa (de Administración) con moito cariño:




 Por se vos apetece recordar, e cantar ;), a citada canción de Rozalén:



7 nov 2019

XA TEMOS UN TÍTULO PARA O NOSO PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO



Para seleccionar o título do PDI para este curso, votamos!

Algunha xente preferiu facelo on line e outra en formato papel, pero o resultado foi claro:

"Os labores do silencio: os oficios de Compostela".

En breve comezarán a verse os murais de motivación polas nosas entradas e corredores...Veredes canta xente traballou para conseguir a cidade Patrimonio da Humanidade da que hoxe gozamos!

LULU celebra o Día das BIBLIOTECAS

Cada 24 de outubro, dende hai uns anos, celébrase o Día das Bibliotecas Escolares.

É por iso que Lulu quixo celebralo dun xeito especial: coa colaboración de alumnado de 5º,  adaptou a obra de Chloé Legeay Para qué sirve un libro?, e exemplificárono con material do que dispoñemos na nosa biblioteca. Tamén se amosou o vídeo sobre formación de usuarias e usuarios que se realizou o curso pasado entre todos os cursos do CEIP López Ferreiro.

Durante as xornadas do 24 e do 25 de outubro, foi pasando pola biblioteca todo o alumnado de primaria e de educación infantil, respectivamente. O martes 29, a biblioteca abriu as súas portas ás familias, especialmente ás de nova incorporación.

A intención foi non só celebrar xuntas e xuntos o evento, senón informar e recordar cales son as posibilidades para desfrutar na nosa biblioteca e achegar un montón de novidades que se poñen en marcha este curso que teñen a Lulu entusiasmado.

Esperamos que a vós tamén, porque todo se proxecta con moitísima ilusión e coa expectativa de que sintades a maxia que se pode producir nese espazo que abre as súas portas para acollervos. 

O vídeo recolle algúns dos momentos compartidos para que recordedes o día. 

Un saudiño





20 oct 2019

EMPEZAMOS...!








A biblioteca de Lulu xa comezou a súa andaina no curso 2019-20!!!

En setembro, as e os axudantes da biblioteca estiveron repasando as súas funcións, e comezamos a apertura nos recreos para o alumnado de primeiro e segundo.

Pouco a pouco, foise incorporando o resto das nenas e dos nenos, e xa estamos avanzando neste ano escolar, no que a nosa biblioteca terá tamén unha sección de ludoteca e outra de tecnoteca.

E mentres, as mochilas viaxeiras, con material diverso para compartir coas familias, andan rulando polas casas de moitas nenas e de moitos nenos. 

Boa viaxe!

7 jul 2019

UNHAS RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN


Poéticas diversas que podes achar en calquera biblioteca..., e tamén na túa vida no verán.



https://issuu.com/carmen165/docs/po_ticas_diversas_revista_035e0d888a5f84



26 jun 2019

XORNADAS DE ROBÓTICA

Xunto ao Equipo TIC do centro, deseñáronse unhas Xornadas de robótica que se desenvolveron nos recreos de abril e maio.

O alumnado de 5º monitorizou as actividades para as clases de 1º , 2º e 3º de primaria , mentres que o de 6º realizouno cos de 4º e 5º. De xeito colaborativo, amosáronlles as posibilidades da programación cos robots M-Bot, e para os de terceiro nivel con Scratch.

Ao rematar cada sesión, entregábase un diploma de participación, e para as monitoras e monitores houbo un diploma especial ao rematar as Xornadas. Unha experiencia que o alumnado quere repetir!!



PROXECTO "SENTINDO EN FEMININO"




Encarna Otero (profesora e divulgadora da cidade de santiago); Guadi Galego (cantante); Helena Villar Janeiro (poetisa e antiga profesora do centro); Cristy Tojo (parakarateca, campioa de Europa)...Mulleres galegas, que desde diferentes ámbitos, amosaron ao alumnado de sexto de educación infantil que en calquera faceta da vida pode, e ten que haber, unha muller.

Sentindo en feminino, como o título do seu proxecto, coñeceron a vida destas mulleres loitadoras  dos dereitos da maior parte da poboación...Dos dereitos das mulleres.


UNHA BIBLIOTECA SOLIDARIA


Nun PDI baseado na reflexión crítica sobre determinadas mensaxes que se nos transmiten, non podiamos esquecer valores cooperativos e solidarios. E así formouse un Grupo Solidario entre o alumnado de quinto e sexto nivel. Durante os recreos dos xoves e dos venres, analizaron e reflexionaron sobre as causas das diferenzas do desenvolvemento no Planeta, coa finalidade de propoñer algunha acción concreta, visible de cara á sociedade para axudar e sensibilizar.

No primeiro trimestre organizaron un Mercadiño solidario para o Nadal; a recadación destinouse á adquisición de material escolar para a escola Apóstolo Santiago de Sarh, no Chad. No segundo,  elaboraron por grupos un xornal no que recollían noticias, fotos e reportaxes relacionados co medio ambiente e a súa incidencia nos países menos desenvolvidos. E no terceiro trimestre están a realizar presentacións para expoñer ao alumnado de educación infantil sobre o maltrato animal; a educación como fonte de desenvolvemento; o cambio climático...

 Tamén se levou a cabo unha proposta desde febreiro ata xuño durante dous luns na hora do recreo coas nenas e cos nenos de 6º, para traballar resolución de conflitos entre iguais, que denominamos Educar no conflito. Centráronse na importancia de coñecer e educar as emocións e achegarse á negociación e a mediación como técnicas alternativas de xestión do conflito e ferramentas ao servizo dun modelo de convivencia pacífico baseado na participación, na colaboración e no diálogo. Esta actividade desenvolveuse por medio de xogos, a través dos que se pretendeu alcanzar obxectivos relacionados co desenvolvemento, a cohesión e a confianza no grupo. Tamén se quixo promover a capacidade de comunicación verbal e non verbal de xeito positivo e favorecer a capacidade de observación e análise do conflito.

 E asemade, grazas a AGARESO, realizouse un obradoiro de radio fóra do horario sobre comunicación transformadora. Ata crearon o seu propio programa, Onda solidaria.



10 jun 2019

OUTRA MANEIRA DE LER: A BANDA DESEÑADA E O TEATRO

Para celebrar o Día do libro, imos recibindo durante o mes de abril a diferentes autores: con Adrián Morgade, as nenas e os nenos de segundo aprenderon diferentes técnicas para facer un cómic; e con Celtia, o alumnado de sexto gozou cunha escenificación sobre a historia da nosa lingua, a galega. 










"PONTES PARA COÑECÉRMONOS", UN PROXECTO CON VILA REAL (PORTUGAL)


Un  proxecto ideado desde a biblioteca, cun eixo temático sobre a publicidade, neste caso para dar a coñecer as características que nos unen con Portugal,  foi premiado no concurso de proxectos escolares entre Concellos de Galicia e Portugal_Eixo Atlántico.
O proxecto Pontes para coñércemonos realizado polo alumnado de sexto do CEIP López Ferreiro representou a Compostela. E deste xeito, os nosos escolares desfrutaron de tres días en Vila Real, e recibimos no mes de maio ao alumnado portugués.
Pero antes, houbo que elaborar un arduo traballo que se desenvolveu en tres fases:
  • Motivación e coñecemento da lingua e cultura portuguesa,  e a súa relación coa galega baixo o título Por que nos separamos? Para coñecelo, realizouse unha entrevista á profesora da USC Isabel Morán, e o obradoiro de cociña portuguesa  en colaboración coa ANPA.
  • Unha segunda parte baseouse en analizar se Somos tan diferentes?; as nenas e os nenos buscaron información sobre os datos políticos, administrativos, poboacionais e climáticos da rexión de Tras Os Montes e Galicia, e amosáronos facendo diversas comparacións.
  • E xa finalmente, o alumnado de 6º visitou Vila Real e o portugués veu a Santiago de Compostela na primeira semana de maio. Compartiron momentos coa robótica para coñecer o Camiño Miñoto Ribeiro e un xogo quiz sobre diferentes monumentos e lugares de interese da cidade portuguesa.





ACHÉGATE A VILA REAL, PORQUE AÍNDA HAI MOITO POR  DESCUBRIR...EN PORTUGAL!!!!

MAIOS E LETRAS GALEGAS


Como é tradicional no López Ferreiro, celebrouse conxuntamente a festa do Maios e mais as Letras Galegas.
Arredor do maio que se confeccionou cos elementos vexetais aportados polas nenas e polos nenos, interpretáronse melodías galegas, e o alumnado de 6º recitou cantigas tradicionais sobre os diferentes oficios.
O acto rematou cun conto rimado recolleito por Antonio Fraguas:  O casamento da pulga e o rato. 

E, por suposto, tamén se entregaron os premios do concurso que sobre Antonio Fraguas e a súa obra se veu desenvolvendo na biblioteca desde febreiro; o agasallo consistiu nunha libreta e un lapis moi especial co que  recoller as nosas cantigas da tradición oral.











7 may 2019

PREMIOS CONCURSO POESÍA EXPRÉS

Desde hai cinco cursos convócase durante o mes de marzo un concurso de poesía entre o alumnado do López Ferreiro.

As técnicas e a temática varían segundo o noso Proxecto documental integrado. E así, xa que este ano estamos analizando as características da publicidade, o noso concurso chamouse "Poesía Exprés". Deste xeito, o alumnado presentou voluntariamente trabalinguas, caligramas, adiviñas, poemas diamante, acrósticos, haikus, xogos de palabras... Ao igual que o curso anterior, con eles compoñeremos un libro co que se obsequiará a todas as clases.

Mais o Día do libro (data da entrega dos premios), non houbo quen lles quitara a emoción ás pequenas e aos pequenos poetas; non todos foron gañadores, pero todos os participantes recibiron o seu diploma, e un marcapáxinas sobre a figura de Antonio Fraguas elaborado polo alumnado de sexto de educación infantil.

Ademais, as autoras e os autores das composicións premiadas en diferentes categorías, saíron á libraría Couceiro, onde seleccionaron un libro como agasallo. Para quen non tivo tanta sorte, déuselle a escoller un exemplar dos que se expurgaron este curso. En definitiva, todo un éxito de participación e un xeito de facer publicidade...COA POESÍA!

17 abr 2019

RECIBIMOS A MALETA VIAXEIRA DE INGLÉS

A Biblioteca, xunto co departamento de Inglés, viviron a experiencia da Maleta Viaxeira en inglés. Unha maleta con libros variados, CD de cancións infantís e DVD con películas diversas para nenas e nenos de distintas idades que en préstamo temporal recibimos da Asesoría de bibliotecas escolares.

 O departamento de Inglés ofertou o seu material como posibilidade de préstamo a domicilio, e tamén organizou obradoiros de lectura (encargadas-os de biblioteca de 5º e 6º a nenas e nenos aos que lles apetecera escoitar e ler de forma guiada).


 A actividade para dar por finalizada a experiencia foi un obradoiro de bookmarks (marcapáxinas).


Unha experiencia coa que interactuamos en inglés!



 

10 abr 2019

DÍA DE ROSALÍA


 O Proxecto documental integrado deste curso está baseado na publicidade, unha forma de comunicación na que a imaxe é o texto breve é fundamental. Como adaptar esta técnica aos poemas de Rosalía, e por tanto, dálos a coñecer entre o noso alumnado?

Mediante a técnica dos caligramas, as clases de 2º, 3º e 5º xuntáronse para crear, por grupos heteroxéneos, diferentes composicións que agora adornan o noso centro.

Por outra banda, estase achegando o mes de abril, mes do libro por excelencia. E o alumnado de sexto, despois de ler e analizar Alaia e a deusa, puido coñecer ao seu autor, Tomás González Ahola.
As nenas e os nenos de 3º e 4º, tamén gozaron coa presentación de Ánxela Loureiro, autora de dous libros seleccionados por estes cursos nos seus itinerarios lectores: Otta quere voar e mais Choiva de ras.



Marzo na biblioteca. on PhotoPeach

17 mar 2019

ANIMACIÓN Á LECTURA: AUTORES, COCIÑA E ENCONTROS LECTORES.



Neste mes de marzo as lectoras e os lectores do CEIP López Ferreiro comezaron a recibir aos autores dos que previamente leran as súas obras.

Deste xeito, o alumnado de 1º A e de 1º B interaccionou dun xeito moi lúdico con Iago López, autor de O cociñeiro Martiño.










O autor madrileño Pedro Mañas tamén compartiu unha sesión chea de bo humor cos seus lectores e as súas lectoras de sexto. Coñeceron como chegou ao mundo da literatura e respondeu a moitas cuestións sobre a súa obra Apestoso tío Muffin.





E   para a próxima semana, actividades lectoras fóra do horario lectivo: a cociña colle receitas na biblioteca e temos, por primeira vez, teatro lido no encontro lector.
















9 mar 2019

HOUBO SEXISMO NOS AGASALLOS?


Á volta das vacacións pasouse unha sinxela enquisa a cada clase de educación primaria para comprobar que tipos de agasallos se recibiran durante o Nadal.

Seguen a existir os estereotipos? Á vista dos resultados parece que si.

Os nenos obteñen maioría nos xogos de acción e nos tecnolóxicos. Sorprende a gran cantidade de xogos de mesa (por tanto, para compartir) tanto para elas coma para eles...E a lectura? Segue  a ser actividade feminina...

COMEZOU O OBRADOIRO DE RADIO!


O xoves 28 de febreiro botou a andar o Obradoiro de radio, dirixido por Rocío para nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de educación primaria.

A experiencia foi todo un éxito, e mesmo xurdiron iniciativas para próximas gravacións.

Este obradoiro promete no desenvolvemento de valores solidarios desde a nosa biblioteca! Parabéns!





25 feb 2019

ACTIVIDADES SOBRE A MULLER E A NENA NA CIENCIA

En febreiro parece que nos imos encamiñando cara a celebración do Día da muller.

A finais de mes lembraremos a Rosalía, pero antes comezamos por recordar que hai un "Día" especial para que a ciencia, palabra feminina, se achegue tamén aos intereses das mulleres.

Nieves Vidal González, que traballa no CSIC, traballa coa biotecnotecnoloxía vexetal e trouxo ao alumnado de sexto de primaria mostras de multiplicación de material vexetal.

 María de la Fuente falou das mulleres científicas; centrouse nas oceanógrafas e, en especial, en Ángeles Alvariño. Nesta actividade participou o alumnado de 3º de educación primaria e o de 6º de educación infantil.

Dúas científicas que tamén nos contaron o que tiveron que loitar na súa vida persoal para desenvolver a súa actividade. Así por exemplo, Nieves tiña moi claro que quería ser bióloga desde os sete anos, pero a súa nai e o seu pai preferían que quedase na casa para coidalos e axudar a traballar no taller propiedade da familia. No caso de María de la Fuente o problema veu cando decidiu ter fillos, xa que consideraban que as súas investigacións quedaban paralizadas e, por tanto, non pagaba a pena seguir subvencionándollelas.

Todo un exemplo de loita!


PREPARANDO O ENTROIDO


O Entroido máis antigo de Galicia chegou á biblioteca do López Ferreiro!


 Silvia, Marcos e Rodrigo achegáronnos as vestimentas dos peliqueiros e cigarróns. Faláronnos de que as persoas que as levan, dende hai un tempo nenas e mulleres tamén, non se difrazan, vístense.

 Unha experiencias inolvidables coas que, asemade, aprendemos da nosa cultura popular.



 ANTROIDO on PhotoPeach

24 feb 2019

CORREDORA



Corredora, un título de María Reimóndez, no que unha nena etíope vai descubrindo a vida,e como sobrevivir nela; unha historia na que se cuestionan determinadas tradicións; e sobre todo, un libro no que se amosa que o deporte (incluído o feminino) é tamén unha maneira de superación persoal. 

Este é o libro proposto para o próximo encontro lector, cuxo cartaz foi elaborado por Elena Lamelo, Uxía Álvarez, Mencía Tojo e Carlota Aldariz.


COMEZOU O RETO DAS LETRAS GALEGAS

 Para as usuarias e ususarios da biblioteca, comezou o reto das Letras galegas. Xa sabedes que hai que buscar información, segundo diferentes idades, relacionada coa biografía e coa obra do autor homenaxeado este ano: Antonio Fraguas Fraguas.

Cada mes irán saíndo novos retos. E a información para resolvelos, está espallada entre o material da biblioteca; o caso é saber localizala.

O concurso rematará coincidindo coa festa das Letras Galegas. E se conseguides catro respostas válidas...Agasallo asegurado!

17 feb 2019

O CEIP LÓPEZ FERREIRO PROTAGONIZOU O DÍA DA PAZ

Este curso, o Equipo de dinamización da biblioteca propuxo ás diferentes titorías realizar un maratón de lectura para celebrar o Día da Paz. O título seleccionado foi Malala e o lapis máxico.

 Asemade, tamén se decidiu que cada clase investigara sobre unha persoa a quen se lle outorgara o Premio Nóbel da Paz, para logo presentar o seu cartaz e mais a información a todo o alumnado durante o recreo do 30 de xaneiro.

 O que non contabamos é que o noso centro se enchera de xornalistas, cámaras e fotógrafos...E é que a propia Conselleira, Carmen Pomar, acabou tamén facendo o maratón de lectura e bailando a Danza da Paz de Mamá Cabra co alumnado.

.






E tamén fomos noticia na TVG, na Televisión Española e por suposto na páxina da Consellería de Educación.






13 ene 2019

NO LÓPEZ FERREIRO HAI UN PALACIO

As nenas e os nenos do López Ferreiro explican como Lulu ten organizada a biblioteca, un palacio onde se pode encontrar a maxía da fantasía e da sabedoría.



 

LECTORAS CON PREMIO

 Lucía, Elena e Roma,tres usuarias da biblioteca, antes de marchar de vacacacións de Nadal recibiron as medallas como as lectoras que máis libros levaron en préstamo durante o ano 2018.

Parabéns e a seguir gozando da lectura no 2019.